Ponteareas resalta a importancia de ser ‘Valente e rebelde’ para loitar pola igualdade

Esta obra de Trémola Teatro chega este 2 de decembro (17.00 h) á sala multiusos ao abeiro da programación do Concello co gallo do 25N

Ponteareas resalta a importancia de ser ‘Valente e rebelde’ para loitar pola igualdadePonteareas aposta por propostas culturais para conseguir que a mensaxe de igualdade cale entre a veciñanza, especialmente entre as xeracións do futuro. Este sábado 2 de decembro chega á sala multiúsos do auditorio municipal ‘Valente e rebelde’, unha obra para público familiar e infantil de Trémola Teatro enmarcada na programación do Concello para conmemorar o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A través deste espectáculo dirixido a nenas e nenas a partir de 3 anos, a compañía teatral busca achegar ao público infantil á igualdade de xénero. E faino a través da historia de Anita e da súa irmá maior, que cos debuxos dos seus personaxes favoritos, de xogos, disfraces e moitas aventuras demostra a toda a rapazada e ás e aos adultos da sala que ser valente e rebelde son dúas boas características do seu carácter.

A concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, anima a todas as familias a non perderse este espectáculo protagonizado polas actrices Paula Regueiro e Lucía L. Golán, formadas na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A actuación será ás 17.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.