Ponteareas reduce a 12 días o período medio de pago a provedores

O Concello pechou o ano 2021 en termos históricos, sendo un dos municipios que paga con maior rapidez a provedores

 

O Concello de Ponteareas pechou o ano 2021 cunha cifra histórica no período medio de pago a provedores (PMP), que no último trimestre se situou en 12,03 días. Deste xeito Ponteareas é un dos concellos que con maior rapidez paga aos seus provedores. Trátase dunha cifra salientable moi por debaixo dos 30 días de prazo máximo establecido pola normativa. Un dato que contrasta coa media de tempo de pago das administracións locais no Estado, que foi de 63,49 días (máis de dous meses) a finais do pasado ano fronte aos 12 de Ponteareas.

 

“Estes datos oficias que obran no servizos de Intervención do Concello que se remiten periodicamente ao Ministerio de Facenda reflicten a boa saúde financeira e a solvencia económica do Concello”, asegura a alcaldesa, Cristina Fernández Davila. A rexedora amósase moi satisfeita polo traballo de saneamento económico feito dende o ano 2015, que converteu a Ponteareas nun dos concellos que máis rápido paga aos seus provedores, “xa que mentres que en 2014 tardaban en cobrar case tres meses (82,47 días), agora fanno en apenas 12 días”.

 

Destaca tamén a evolución no investimento municipal, que pasou dos 685.963 euros en 2014 aos case 4,6 millóns de euros investidos o ano pasado, multiplicando por sete o investimento por habitante, que pasou dos 29,68 aos 202,29 euros por persoa.

 

“Estas cifras tan positivas son resultado do esforzo de xestión por parte do Goberno e tamén do persoal municipal e dunha boa administración do diñeiro público, que ademais favorece o bo funcionamento das pequenas e medianas empresas, estimulando a economía local”, salienta o concelleiro de Facenda, Pancho Alonso.

 

Como explica o edil, estes datos son consecuencia do traballo de saneamento económico feito nos últimos anos polo Goberno municipal “que conleva que se pague a provedores en tempo récord e que permite que esteamos realizando un investimento en obras públicas para mellorar Ponteareas antes impensable”.