Ponteareas recuperará a Casa Cultural de Couso

O Concello saca a licitación a reforma deste edificio, que hoxe está en moi mal estado, para que a veciñanza poida volver gozar del

 

O Concello de Ponteareas recuperará a Casa Cultural de Couso, un edificio de importancia para o barrio de Guláns que actualmente está en moi mal estado, xa que é moi antigo, do ano 1950, para que a veciñanza poida volver gozar del. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, destaca que con esta intervención “volveremos dar vida a un espazo histórico para Couso” cunha recuperación que, “ademais de arranxar os seus problemas estruturais, tamén mellora en gran medida a eficiencia enerxética co fin de reducir o consumo e a súa pegada de carbono”. 

 

O edil de Cultura, Fernando Groba, tamén quere destacar “a importancia que ten esta intervención para a cultura de Ponteareas en xeral, e para a de Couso en particular”, xa que, cando se remate a recuperación do edificio as entidades culturais terán un novo lugar, “accesible, cómodo e moderno, onde poder facer e gozar da cultura”. 

 

O Concello destinará máis de 150.000 euros á recuperación da Casa Cultural, dos cales 78.529 euros serán fondos propios e 73.302 euros dunha subvención do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE) cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos FEDER. 

 

A recuperación porá fin ao mal estado do edificio no que os elementos estruturais de forxados e cuberta presentan un mal estado de conservación, o que provoca que na actualidade estea apuntalado para que non se derrube. A intervención corrixirá todos os problemas estruturais e tamén dotará ao espazo dunha nova cuberta, dunha nova escaleira interior entre a planta baixa e o primeiro andar, de dous aseos, un accesible a adaptado para persoas con mobilidade reducida, ao tempo que se colocan novas instalacións de fontanaría, saneamento, electricidade, iluminación e calefacción. 

 

A Casa Cultural de Couso é un edificio con historia que presenta os elementos característicos da arquitectura rexionalista do suroeste galego, como o encintado decorativo da fábrica de pedra en relevo rematado con pintura en cor branca. Na intervención preservarase o seu valor patrimonial para que os veciños e veciñas poidan gozar da súa Casa Cultural “como fixeron os nosos avós e avoas”, conclúe o concelleiro.

Descripción da operación: 
 
Reparar as seguintes deficiencias que ten o edificio preexistente:
 
1_Cuberta _ Tanto as trabes principais de madeira que forman o esqueleto estrutural da actual cuberta como as
viguetas secundarias da mesma, como as ripias que suxeitan as tellas, presentan numerosas patoloxías que afectan a
súa función estrutural e construtiva. Ademais de humidades permanente presentan tamén redución da súa sección
resistente por ataque de caruncho, o que pon en perigo a súa resistencia e estabilidade.
 
2_ Forxados_ Todos os forxados da edificación atópanse en mal estado de conservación incluso ameazando
ruína. Para a estabilidade do forxado 1, que supón o teito da Planta Baixa e o piso da Planta Alta, foi necesario colocar un
reforzo puntual mediante un piar de madeira no medio da Planta Baixa. Do mesmo xeito no Forxado 2, que supón o teito
da Planta Alta e o piso do Faiado, tamén conta co reforzo de dous piares de madeira para evitar o seu colapso, debido o
seu escaso espesor e agravado polas cargas dos piares de ladrillo nos que apoian as vigas da cuberta.
 
3_ Paredes interiores_ Advírtense numerosas filtracións de humidade dende as fachadas por tratarse de paredes
simples de Mampostería e Perpiaños de granito directamente enfuscadas polo seu interior, sen interpoñer cámara de aire
nin illamento nin tabique algún.
 
4_ Carpinterías exteriores_ Estas se ben non se atopan en mal estado, son antigas, de perfilería simple (sen
rotura de ponte térmica), o igual que os vidros que presenta, co cal as perdas do calor da calefacción son enormes.
 
5_ Accesibilidade_ Debe dárselle un resposta adecuada ó cumprimento desta normativa dispoñendo sobretodo
un aseo adaptado e unha comunicación interior entre as 2 plantas do edificio, ambos elementos inexistentes na
actualidade.
 
6_ Na intervención debe respectarse ó máximo a Tipoloxía tradicional do edificio actual.
 
Inversión realizada: 137.075,36 euros
Ayuda obtenida: 73.302,50 euros