Ponteareas recupera para o Corpus as tradicionais carrozas dos veciños

O programa das festas do Corpus de Ponteareas incorpora como novidade o desfile das carrozas feitas polos veciños. En concreto serán tres as que participarán dentro do programa das festas do Corpus de Ponteareas dende que se deixaron de facer nos anos setenta.
Cheas de cores e traballo artesá, as carrozas etnográficas recrean anaquiños da cultura popular e da historia de Ponteareas.
Con máis de trinta participantes, o Grupo de Baile do Centro Cultural de Xinzo, desfilará baixo o título “Corpus en Primavera” cunha carroza feita de materiais reciclados que alude ao remate da primavera e á entrada do verán.
Pola súa parte, Os Campechanos presentarán unha carroza realizada con materiais naturais e recrearán unha vendima nunha estructura propia dun maio. Na carroza “A vendima” participarán arredor de 45 persoas entre pequenos e maiores.
A terceira das carrozas feita polo veciños é a de Brincadeira que sorprenderá ao público con “Autos Brincadeiros”, unha carroza feita de madeira, tea, cartón, latas, tubos corrugados, pezas de autobús e un sinfín de materiais que atopan nesta carroza un segundo uso. Integrada por case corenta persoas o autobús de Autos Brincadeira parte dende Ponteareas á emigración a Francia e América. Maletas e fardos confúndense cos prantos da familia que queda atrás.
Para a Concellería de Cultura e Turismo que dirixe a nacionalista, Hortensia Bautista, é fudamental recuperar as tradicións dos nosos antergos e ter constancia da orixe da vila, “a colaboración cos veciños na recuperación da memoria da vila é enriquecedor e fructífera e agardamos que, ano tras ano, sexan máis os que se unen ao desfile das carrozas etnográficas”.
O desfile das carrozas será o domingo día 18 ás 19:00 horas polas rúas do centro urbano. Aínda que na programación contemplábase que comezara ás 18:00 horas, a Concellería de Cultura decidíu retrasalo pola climatoloxía.