Ponteareas recupera a historia da veciñanza na exposición ‘Bugarín no Tempo’

A Casa Cultural de Bugarín acolle este domingo día 7 unha exposición de fotos antigas da parroquia

O Concello de Ponteareas, a través da Concellaría de Cultura, colabora xunto coa Deputación de Pontevedra, nesta iniciativa levada a cabo pola Asociación Cultural de Bugarín, que pretende recuperar a historia e costumes da parroquia, e que leva 5 anos recompilando imaxes antigas cedidas polas veciñas e veciños.

Este domingo 7 agosto, as e os que se acheguen á Casa Cultural de Bugarín terán a oportunidade única de contemplar unha colección de 60 fotografías impresas que reflicten a forma de vida na parroquia hai máis de corenta anos. Nas imaxes, escollidas entre as máis de 1.000 coas que conta xa o arquivo, poderán contemplarse actos culturais como as festas de Santa Cristina ou a Romaría da Picaraña, vodas e celebracións particulares e ata acontecementos clave no devir da parroquia como os traballos propios da vendima. Todos os núcleos familiares de Bugarín están presentes nestas fotografías antigas coas que se pretende, non só preservar o patrimonio histórico e transmitirllo ás novas xeracións, senón tamén observar a evolución da parroquia a través dos anos.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida “a todos os veciños e veciñas a que se acheguen o domingo á Casa Cultural de Bugarín para gozar desta nova exposición, que é un percorrido polos costumes e tradicións desta parroquia”, e engade o seu compromiso de “seguir traballando man a man co tecido asociativo para ampliar o proxecto ‘Ponteareas no Tempo’ co obxectivo de recuperar e pór en valor a memoria colectiva da veciñanza”.

A exposición ‘Bugarín no Tempo’ é efémera: permanecerá aberta ao público soamente durante tres horas e media, entre ás 11.00 e as 14:30h, e contra ás 12.00h, o Grupo de Gaitas da Asociación Cultural de Areas ofrecerá unha actuación para o público asistente, que se converterá nunha auténtica homenaxe ás romarías de tempos pasados.