A concellería de Cultura do concello de Ponteareas, que dirixe Hortensia Bautista, quere recuperar a tradición das festas de San Roque e convida a toda a veciñanza a participar neste primeiro ano de recuperación na que volverán ao presente os xogos tradicionais para toda a familia.
Este venres día 17 a veciñanza de San Roque viaxará trinta anos atrás para rescatar o tradicional xogo do “pau de sebo” que hai anos supuña un atractivo para toda a comarca que se achegaba ao barrio para ver a competición tanto na modalidade horizontal como vertical. Co obxectivo de chegar ao fin do pau os e as participantes deberán facer gala da súa habilidade camiñando por un pau untado con sebo.
A concellería de Cultura entregará tres premios cun sabor tamén tradicional que rememora os entregados naqueles tempos. Un xamón para o gañador/gañadora, unha cesta de produtos de alimentación para o segundo posto e unha cesta de froitas para o terceiro clasificado.
Todos e todas as que queiran participar deberán ter un mínimo de 16 anos e poderán inscribirse no propio momento
Ademais, Bautista informa que a partir das 17:00 horas haberá xogos populares para os máis pequenos e pequenas. Deste xeito as carreiras de sacos, o xogo da rá, a petanca e o xogo da corda, entre outros entretementos, volverán ao parque de San Roque.
A charanga Os Imperiais amenizará a xornada de tarde e o conxunto musical Arte porá música á noite de San Roque na que a veciñanza celebrará un xantar popular. As familias compartirán manta, colcha e mantel e tamén as delicias caseiras nunha cea na que lembrar vellos tempos. O concello convidará aos presentes a rosquillas e haberá un posto no que mercar as bebidas.