Ponteareas recoñecerá ás mulleres que romperon barreiras no mundo do deporte

As rúas de Ponteareas acollerán unha exposición fotográfica a partir do 1 de marzo

A Concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, retoma a Homenaxe á Muller que por mor da pandemia hai un ano, non puido celebrarse. A Homenaxe deste ano, adáptase por responsabilidade á situación sanitaria que estamos vivindo, dando a coñecer ás mulleres da nosa vila cunha exposición polo casco urbano. O obxectivo é o recoñecemento da labor realizada polas mulleres de Ponteareas, tanto a nivel persoal, laboral ou social, así como pola súa repercusión no termo municipal, no núcleo urbano ou no rural.

 

Co motivo do vindeiro 8 de marzo, día no que internacionalmente recordamos a importancia e a aportación das mulleres en tódalas súas facetas, “pretendemos que se visibilice por igual os logros acadados polas mulleres coa finalidade de rematar coas discriminacións, estereotipos de xénero e situacións inxustas derivadas da sociedade patriarcal”, explica a concelleira.

 

Neste ano 2021, Ponteareas retomaŕa o recoñecemento en concreto á traxectoria deportiva, valorando o esforzo persoal e a superación das dificultades e barreiras, daquelas mulleres de Ponteareas pioneiras en diferentes modalidades totalmente masculinizadas ao longo da historia.

 

Por este motivo á homenaxe á muller deste ano 2021, que saírá as rúas da nosa vila cunha exposición fotográfica a partir do 1 de marzo, dará a coñecer as mulleres da nosa vila que conseguiron destacar nas disciplinas deportivas do taekwondo, do ciclismo, fútbol, atletismo e balonmán.

 

A concelleira nacionalista, Verónica Carrera, lembra a importancia de traballar a diario a prol da igualdade deseñando políticas que ofrezan accións de respaldo ás mulleres como as recollidas no plan de igualdade do Concello de Ponteareas, pero que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque a igualdade é cousa de toda unha sociedade. “É preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos con accións específicas para cada sector e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”, sinalou Carrera.