Ponteareas reclama ao Ministerio a exposición pública do anteproxecto de mellora da N-120

Ponteareas reclama ao Ministerio a exposición pública do anteproxecto de mellora da N-120

 

O Goberno municipal reuniuse coa plataforma, coa que traballa man a man para conseguir que se dote a este vieiro da seguridade necesaria para a veciñanza

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e a segunda tenente de alcalde, Chus Garrote, reuníronse con representantes da ‘Plataforma da N-120’ ante a preocupación deste colectivo veciñal polo retraso na exposición pública do Antreproxecto da mellora viaria da N-120 e pola aparente paralización de todo o procedemento. “Dende o Concello tamén compartimos esa incerteza e agardamos que este retraso teña a súa orixe unicamente nalgunha circunstancia particular do proxecto”, explica a rexedora.

 

Por este motivo, o Concello reclama á Dirección General de Carreteras e ao MITMA que faga a exposición pública do Anteproxecto de mellora da N-120 ao seu paso polas parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas, que leva en supervisión dende comezos de ano por parte do Ministerio. Nun escrito dirixido a ambas as dúas entidades, o Concello pediu de forma oficial que se lle informe á maior brevidade posible de en que punto administrativo está o Anteproxecto e “da previsión e cronograma futuro de cara á execución final desta obra tan necesaria e prioritaria para o noso Concello”.

 

Tras as reunións mantidas no último trimestre de 2020 e en marzo deste mesmo 2021, nas que se presentou un anteproxecto xa moi avanzado, o Goberno municipal amosa a súa sorpresa pola paralización do proceso.

 

Este proxecto busca dar solucións aos problemas na N-120 ao seu paso pola zona máis poboada de Ponteareas, unha vía que soporta diariamente unha elevada carga de tráfico local e comarcal, con grandes retencións nas horas punta e con grave risco para a veciñanza con moitos lugares cunha elevada concentración de accidentes ao non contar cos elementos de protección e seguridade viaria necesarios tanto para peóns como para condutores e condutoras.