Ponteareas recibe cinco propostas para modernizar a Praza de Bugallal

Pechado o prazo de recibir as propostas do concurso de ideas para a reforma da Praza de Bugallal e arredores o goberno de Ponteareas convocará á comisión de avaliación formada por técnicos e representantes de toda a corporación para estudar as cinco propostas presentadas que optarán a transformar esta céntrica praza, eixo da vida social e comercial da cidade.

Posteriormente realizarase a exposición pública das ideas recibidas que deberán, entre outros moitos aspectos, encaixar co día a día dos usos da Praza de Bugallal na que conflúe non so a veciñanza no seu tempo de lecer se non tamén actividades litúrxicas propias da igrexa, postos ambulantes nos días asignados, actividades lúdicas, deportivas e de ensino e as alfombras do Corpus, entre outras moitas. 

Participación Cidadá

O concursante gañador, unha vez contratado, deberá organizar reunións cos concelleiros e celebrar unha xornada de participación coa veciñanza para escoitar as súas demandas, antes de elaborar o proxecto de obra definitivo.

Este proxecto enmarcado dentro das liñas de actuación da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” cun orzamento de máis de 600.000€ (proxecto de obra, direción de obra e execución) a mellora da Praza de Bugallal realizarase con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

A comisión de valoración na que participan técnicos de recoñecido prestixo e todos os grupos políticos da Corporación municipal, valorará a solución técnica e económica máis óptima e na que se vexan reflectidas as necesidades e o sentir da cidadanía. 

A mellora da accesibilidade, das posibilidades de uso do espazo público, da calidade do aire, da mobilidade urbana e o respeto polos usos e costumes habituais da praza son algunhas das directrices a valorar na redacción do proxecto.

No concurso de ideas ademais das actuacións a realizar na Praza de Bugallal  e na súa contorna tamén contemplará un área de estudio para no futuro actuar co mesmo criterio nos arredores do auditorio, avda Constitución e primeiro tramo de Vidales Tomé.

Con esta iniciativa comeza a materializarse unha das liñas da estratexia nas que tamén se contemplan outras que van desde o desenvolvemento sostible á revitalización da economía pasando pola implantación de sistemas de aproveitamento de biomasa, a recuperación de zonas verdes, a inclusión activa e a loita contra a discriminación, a mellora da administración local a través das TICs, a mellora da eficiencia enerxética, a mellora do patrimonio e da contorna do río Tea, o apoio ao comercio e a mellora do casco vello, son algunhas das liñas recollidas na estratexia.

“Ponteareas, Hábitat Saudable” enmárcase dentro dos fondos europeos de desenvolvemento rexional subvencionada con 5.000.000€ polos Fondos FEDER.