Ponteareas quere rehabilitar a residencia de maiores para mellorar utilidade e confort das persoas usuarias

Ponteareas quere rehabilitar a residencia de maiores para mellorar utilidade e confort das persoas usuarias

 

O Concello presentou á veciñanza o proxecto, co que se optará aos fondos europeos do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Espazos Públicos

 

Reorganizar espazos, mellorar a eficiencia enerxética e contribuír a un maior confort das persoas usuarias. Ese é o obxectivo do proxecto de rehabilitación da residencia de maiores de Ponteareas, unha iniciativa posta en marcha polo Concello coa que se candidatará ás axudas do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que procura a rehabilitación sostíbel de inmobles públicos a través de fondos europeos Next Generation.

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila; a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera; e a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote, presentaron á veciñanza nun acto de participación social este proxecto que busca a rehabilitación deste edificio construído en 1979 “cun enfoque integral, mellorando a súa calidade, de forma que mellore notablemente tanto a súa utilidade como o confort de todas as persoas usuarias, ademais de conseguir unha mellora na eficiencia enerxética cara a un consumo case nulo que redunde tamén nunha redución dos custos de mantemento”, segundo explicou a rexedora.

 

Con este novo proxecto, que contará cun investimento total de máis de 1,1 millóns de euros, o Concello continúa a súa aposta “pola mellora de espazos, instalacións e servizos municipais, colocando ás persoas no centro de todos estes progresos”. “Queremos abordar a reforma da residencia de maiores dende un enfoque integral, abordando tamén cuestións como a mellora da accesibilidade, a habitabilidade, a adecuación dos espazos ou a renovación de instalacións e acabados interiores”, como sinala a edil de Benestar.

 

Entre as accións plantexadas para a rehabilitación do edificio están o illamento térmico do inmoble ou a instalación dun sistema de ventilación con recuperación de calor que permita manter o funcionamento normal do edificio en contextos coma o da COVID-19 sen baixar prestacións e mellorando a calidade do aire. Tamén se renovará a iluminación interior, as instalacións de saneamento e abastecemento, a accesibilidade do acceso principal e dos baños e pecharase o porche situado na fachada oeste para gañar un novo espazo de uso multifuncional durante todo o ano.