Ponteareas proxecta unha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en Moreira para máis de 4.600 habitantes

Son actuacións previstas no Plan Director de Saneamento que o goberno local prevé pór en marcha nos vindeiros anos despois da tramitación que precisan noutras administracións

O Concello de Ponteareas comunicou a contratación do proxecto da nova depuradora a ubicar na parroquia de Moreira cunha capacidade para máis de 4.600 habitantes.

 

Esta nova EDAR está prevista no Plan Director de Saneamento redactado en 2018 EDAR, distinta da prevista a realizar polo Estado na Moscadeira para substituir á actual con maior capacidade. A depuradora de Moreira dará servizo ás parroquias de Moreira, San Mateo de Oliveira, Fontenla, Nogueira, Cristiñade, Guláns, Santiago de Oliveira, San Lourenzo de Oliveira, Cumiar así como os lugares que “verten” hacia o río Uma ou os seus afluentes como sucede en determinados lugares das parroquias de Arcos ou Angoares.

 

O goberno do BNG-PSOE explica que esta actuación é o primeiro paso do obxectivo de dotar de sistema de saneamento a máis de 4.600 veciños destas 10 parroquias, o seguinte e para a súa execución en paralelo é a construción dos primeiros tramos dos colectores de saneamento para que a nova EDAR de Moreira entre en servizo por fases con aproximadamente un terzo da capacidade total para cada unha delas, ata completar no ano 2025 a conexión de todas as fases. O caudal de deseño da nova EDAR é de 1000 m3 ao día.

 

A realización deste contrato supón unha revolución para grande parte das parroquias de Ponteareas que actualmente non dispoñen de conexión de saneamento. Un paso máis no cumprimento dos compromisos asumidos diante dos veciños polo actual goberno municipal. Esta actuación permitirá dar solución a unha necesidade básica que ata agora nunca se abordou con seriedade e rigor para dar unha solución viable e definitiva. Ponteareas camiña no cumprimento da súa estratexia de futuro e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS 2030).

 

O Plan Director de Saneamento marca o sistema xeral de saneamento e as súas previsións para os vindeiros anos. O Plan está cuantificado en máis de 40 millóns de euros para dar servizo aos case 8.000 veciños que a día de hoxe carecen deste servizo básico.

 

O Concello informa tamén que está iniciada a tramitación diante da Confederación Hidrogáfica para os correspondentes permisos, en cumprimento dos parámetros de calidade esixíbeis pola Directiva da Unión Europa para cumprir as condicións de vertido ao río Tea.

 

Financiamento
O goberno local contempla que esta actuación poida recibir financiamento dos novos fondos europeos de reconstrución a través do Ministerio para la Transición Ecológica e o Reto Demográfico por ser un dos investimentos que, a priori, encaixarían nos obxectivos dos novos fondos ao tempo que permiten satisfacer unha necesidade básica. O goberno priorizou o encargo deste proxecto para poder presentalo á convocatoria de axudas no momento que estea aberta.