Ponteareas presume de escritoras e ilustradoras na V edición da Feira do Libro

Ponteareas presume de escritoras e ilustradoras na V edición da Feira do Libro

 

Celebrarase do 15 ao 18 de xullo con 22 presentacións e sinaturas de libros, moitos deles escritos por autores e autoras de vila e da comarca

 

A Feira do Libro volverá ás rúas de Ponteareas este mes de xullo. Do 15 ao 18, a Praza Maior converterase no epicentro literario da vila cunha feira que chega á súa quinta edición cun programa repleto de actividades e cunha alta presenza de autores e autoras de Ponteareas e a súa comarca. Ao longo destes catro días realizaranse 22 presentacións e sinaturas de libros, máis da metade creados por ponteareáns e ponteareás ou escritores e escritoras de concellos próximos.

 

Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia, a feira abrirá as súas casetas todas as tardes de 18.00 a 22.00 horas. “Esta cita cultural non soamente nos permitirá animar á lectura á veciñanza, senón que tamén servirá para dinamizar un pouco máis o sector”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, durante o acto de presentación.

 

Para o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, presentar a quinta edición da feira “é un dobre orgullo, porque ademais de poder celebrar unha Feira do Libro que atraerá a moito público temos entre as e os participantes a persoas gañadoras dos premios organizados polo Concello ou vinculados aos nosos obradoiros de escritura creativa. Estamos moi satisfeitos de ver como iso repercute na nosa sociedade e como axudamos a achegar novos nomes ao panorama literario”. Así, este ano o público poderá desfrutar da presenza de autores e autoras como Pablo Prado, tamén pregoeiro desta edición, Anabel Antela Castro, Alejandro Cid, Alexandro Bouzó, Teresa Ríos, Carlos Sampedro, Hortensia Bautista e Aurora Quinteiro, Elisabeth Guerra, Beatriz Cabaleiro, Raquel Castro, Samuel Merino ou María Lado.

 

Pola súa banda, a deputada de Cultura, Victoria Alonso, quixo agradecer ao Concello e á Federación o traballo que están a facer para celebrar esta feira do libro. “Os libros foron grandes acompañantes durante a pandemia e agora é o momento de seguir fomentando a lectura e facelo na rúa, onde máis preto está a veciñanza. E facelo ademais con iniciativas como esta que tamén serve para apostar polo comercio local”, recalcou.

 

Durante a presentación, Carlos Blanco, en representación da Federación de Libreiros e Editores de Galicia, quixo resaltar a importancia de que os libros sigan estando na rúa. “Iniciativas como esta permítennos achegar a literatura á poboación a través dunha actividade lúdica pensada para que a xente desfrute”, explicou.

 

Ponteareas presume de escritoras e ilustradoras na V edición da Feira do LibroO ilustrador Pablo Prado, pregoeiro

 

O ilustrador e caricaturista Pablo Prado será o pregoeiro nesta quinta edición da Feira do Libro. Nado en Ourense en 1987 pero residente dende os 3 anos en Ponteareas,  “vila na que me fixen como individuo e á que desexo volver sempre. Por iso para min é tan especial este convite e faime tanta ilusión exercer de pregoeiro este ano”.

 

Sendo estudante de O Garaxe Hermético, a escola profesional de cómic e ilustración de Pontevedra, comeza en 2016 a facer traballos de humor gráfico e caricatura para varios xornais galegos. Ao rematar os seus estudos asina un par de proxectos: ‘Os berros da motocicleta’, en colaboración con Kiko da Silva, e ‘O derradeiro libro de Emma Olsen’, baseado na novela homónima de Berta Dávila.

 

Dende fai anos colabora en proxectos vinculados á loita pola igualdade como a asociación feminista FestiVal das Brétemas ou SOS Racismo Galicia. No 2019 participa na ilustración do videoclip de animación ‘Semillas’, de Tremenda Jauría, e en 2020 traballa como storyboard na serie de Netflix ‘La casa de papel’ e colabora con Fernando Llor na banda deseñada ‘O último festi’, para o Armadiña Rock de Combarro.

 

Xa en 2021 gaña o premio de banda deseñada O Garaxe Hermético con ‘Nerea e o príncipe da Sorte’, un traballo con guión de Miguel Rojo e publicado pola editorial Xerais.