
O ponteareán Voces de Arrieiro será un dos grupos que actuará neste festival
Do 14 ao 16 de xullo, once actuacións servirán para ofrecer ao público música de alta calidade e estreitar relacións entre Braga e Galicia
Ponteareas implícase de novo para que a cultura galega e portuguesa continúen estreitando lazos. Despois de ser un dos escenarios que acolleu as propostas culturais do festival Convergencias Galicia-Portugal en febreiro, estes días a vila volve estar presente nunha cita luso-galaica coa participación no XII Castro Galaico Festival de Nogueiró, un evento no que ademais de ofrecer ao público música de alta calidade permite estreitar relacións entre Braga e Galicia.
A cita será do 14 ao 16 de xullo, con once actuacións na vila de Brácaros, entre a que estará dos ponteareáns Voces de Arrieiro, que ofrecerán o seu espectáculo na xornada de peche, dedicada ao Día de Galicia. Ese día compartirán escenario con outros grupos como os portuguesas Ai Braguesa, pero tamén con Milladoiro, coa cantautora arzuá MJ Pérez e cos redondeláns As Efémeras.
Voces de Arrieiro creouse ao abeiro do taller vocal A Vila coa idea de render unha pequena homenaxe á figura dos arrieiros como importantes divulgadores de cancións populares, noticias e outros chismes, incorporando ademais ao seu repertorio pezas das rexións ou países que acolleron historicamente aos galegos na época da emigración. Como comenta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, coa súa participación no Festival de Nogueiró “Ponteareas continúa coa súa relación de conexións culturais e históricas entre Galicia e Portugal, formando parte de encontros transfronteirizos que nos permiten seguir estreitando lazos”.
Cunha recreación castrexa como escenario, o Castro Galaico Festival de Nogueiró achega ao público un festival musical baseado na tradición popular e ligado ás raíces galegas no que haberá animación, obradoiros de música, lendas, instrumentos tradicionais e poesía.