Ponteareas presenta un completo programa de actividades pensadas para loitar contra a violencia de xénero

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, e o alcalde, Xosé Represas, presentaron un conxunto de iniciativas que darán comezo este sábado, 7 de novembro

pont-contra-viol-machista-2A concellería de Benestar Social e Igualdade, xestionada por Verónica Carrera, ten preparada unha ambiciosa programación pensada para concienciar á poboación das consecuencias negativas da violencia de xénero contra as mulleres e, asemade, informar de maneira exhaustiva sobre as ferramentas e os medios que a sociedade e as administracións deben ter á súa disposición para tentar evitala.

A actividade comezará o vindeiro sábado, 7 de novembro, no Salón de Plenos da Casa do Concello, a partir das 10:00, horario no que dará comezo a Xornada da Muller. Trátase dun evento que contará coa participación de psicólogas, avogadas, escritoras e políticas expertas na materia (enlace ao programa).

As intervencións destas profesionais servirán para que o público asistente adquira un maior coñecemento sobre cuestións relativas á historia lexislativa da regulación da violencia sobre a muller, a orixe das casas de acollida e dos centros de información ou a metodoloxía de traballo individual e colectiva sobre a violencia de xénero.

A xornada, que tamén contará cunha exposición fotográfica vinculada á invisibilidade asociada en moitas ocasións a esta problemática, pecharase na sala de usos múltiples do Auditorio Reveriano Soutullo, onde a compañía viguesa “O Trasno Novo Teatro” interpretará a obra de teatro “Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra”, que versa sobre un encontro de tres mulleres do mesmo pobo pero de moi distinta condición, unidas na fuxida e distanciadas no seu comportamento ante a vida e o momento histórico que lles toca vivir.pont-contra-viol-machista-1

O Concello de Ponteareas, que xa conta cun cartel no balcón da casa consistorial no que se condena a violencia machista, organizará un obradoiro de micromachismos na sala de múltiples usos da Biblioteca Municipal o 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Este taller necesita de inscrición previa a través do teléfono 986 64 00 00, correspondente ao Centro de Información da Muller de Ponteareas.

Ese mesmo día terá lugar un acto institucional a partir das 12:00 horas no Centro Social da vila, lugar onde se ofrecerán diversas lecturas relacionadas con esta problemática.

Este conxunto de actividades forman parte dunha campaña de sensibilización contra a violencia de xénero que xa comezou a ser organizada dende a concellería de Igualdade o pasado mes de outubro, coa posta en marcha dun concurso de debuxo no que xa participaron máis de 150 escolares e cuxo xurado está formado por profesionais dos campos da publicidade, o deseño, a arte e a cultura.