Ponteareas presenta o cartel do “Corpus Christi 2015”

presentacion-cartel-corpus-2015-5O Concello de Ponteareas presentou esta mañá o cartel das festas do Corpus Christi do ano 2015, que este ano presenta un deseño diferente con respecto aos utilizados nas últimas edicións.

O acto contou coa presenza do alcalde ponteareán, Salvador González, e do concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro. Este último definiu a presentación do cartel como “o pistoletazo de saída das festas do Corpus Christi deste ano”.  Tamén quixo salientar que “a imaxe que vai acompañar a festividade máis importante da vila pretende mesturar tradición e modernidade. A tradición está representada na alfombra que se pode visualizar de fondo e a modernidade no deseño das letras e do cartel propiamente dito, que esta vez é especialmente colorido”.

Pola súa banda, Salvador González mostrou a súa satisfacción “pola boa acollida que o cartel tivo entre os alfombristas e as alfombristas do municipio”, ademais de recordar que o goberno local “leva traballando prácticamente un ano na organización do evento”.

Un acontecemento que comezará oficialmente o 30 de maio coa lectura do pregón. Ese mesmo día empezará a semana grande, con diferentes actividades programadas e tamén coa chegada dunha delegación dende Tokio, Xapón, prevista para os primeiros días de xuño. A fin de semana do Corpus Christi 2015 caerá nos días 6 e 7 de xuño, e o colofón será o luns 8 de xuño, Día do Alfombrista e festivo local en Ponteareas.