Ponteareas presenta mañá o proxecto do Camiño Escolar na rúa Trovador Xoán García de Guillade

dav

A tenente de alcalde e concelleira de Ensino, Cristina Fernández, convoca á comunidade educativa e á veciñanza da rúa Trovador Xoán García de Guillade á presentación do proxecto Camiño Escolar que convertiría este tramo da estrada provincial nun camiño escolar seguro. A reunión será o martes 15 ás 18 horas no salón de plenos da Casa do Concello. Encontro no que os técnicos redactores do proxecto trasladarán á veciñanza a proposta e recollerán as súas suxestións.

Esta actuación parte da Avenida Galicia ata o cruce co Alto da Gloria e suporía a creación dunha gran ruta donde os peóns e as bicicletas terán prioridade sobre os vehículos a motor.

O obxectivo é crear un Camiño Escolar Seguro ao CEIP Mestre Ramiro Sabell que poderá ser aproveitado polos institutos da contorna, IES Val do Tea, IES do Barral e IES Pedra da Auga que suman xunto ao CEIP un total de 1.569 alumnos e alumnas. A esta cifra habería que sumarlle o persoal docente e administrativo e a veciñanza de toda esa zona que gozará dun espazo máis amable no que desprazarse a pé de xeito máis seguro.

A actuación contempla a creación de zonas que funcionen como puntos de encontro na avenida de Galicia, Paseo Matutino e Parque Ferro Ucha.

Cristina Fernández explica que esta iniciativa camiña na liña dos obxectivos marcados na estratexia de futuro “Ponteareas, hábitat saudable” na que as persoas teñen preferencia facendo seus os espazos públicos.

Fernández engade que esta actuación reforza o seu compromiso coa infancia e a mocidade, dándolle novos servizos e a oportunidade de ser máis autónomos con desprazamentos máis seguros adaptados as necesidades das familias.

A redacción deste proxecto foi financiada pola Deputación de Pontevedra.