Ponteareas prepárase para ser unha cidade apta para a infancia

A concelleira de Ensino e Participación Cidadá, Cristina Fernández, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, Verónica Carrera, participaron no III Encontro das Cidades das Nenas e dos Nenos celebrado en Huesca durante este semana.

Un proxecto internacional de participación cidadá en marcha en máis de duascentas cidades do mundo que pretende que as nenas e os nenos sexan protagonistas da construción da cidade e que a cidade se vaia deseñando tomando ás nenas e aos nenos como referencia. 

Nestes dous días de encontro, as concelleiras coñeceron as obras e proxectos realizados nesta cidade en participación co consello da infancia de Huesca.

Liderados polo psicopedagogo italiano Francesco Tonucci participantes de distintas cidades de España reflexionaron sobre as eivas que a diario atopan tanto a infancia como os maiores e persoas con diversidade funcional, as barreiras arquitectónicas, urbanísticas e sociais que impiden a súa autonomía. 

Que as cidades sexan da veciñanza, que contemplen espazos para a convivencia, que dean prioridade ao tránsito dos peóns permitindo unha socialización diaria que fomente o compromiso e a responsabilidade cidadá foron algunhas das ideas que se puxeron en común nas diferentes conferencias e grupos de traballo.

Para a concelleira nacionalista de Ensino e Participación Cidadá, é imprescindible transfomar o concepto de crecemento sostido ata o día de hoxe, débese medrar tendo en conta as necesidades humanas. “Contar coa infancia, averiguar como podemos garantir a súa autonomía, escoitar a súa opinión e traballar por, para e con eles e pornos na pel dos nosos maiores é fundamental á hora de deseñar os diferentes proxectos e obras”.