Ponteareas prepárase para gozar dunha nova edición de ‘AndaGuláns’ cunha ruta polos penedos da parroquia

Ponteareas prepárase para gozar dunha nova edición de ‘AndaGuláns’ cunha ruta polos penedos da parroquia

A VII Andaina de Guláns será o vindeiro domingo 12 de marzo con dúas rutas circulares de 12 e 25 km e xantar popular con callos ao rematar

As persoas interesadas poderán inscribirse ata a vindeira semana a través da web do Clube de Montaña Xistra

Todo listo na parroquia de Guláns para acoller unha nova edición da súa andaina máis agardada. A Asociación Artística e Cultural de Guláns en colaboración co Clube de Montaña Xistra e coa Federación Galega e Montañismo e co apoio do Concello de Ponteareas organiza a sétima Andaina de Guláns, ‘AndaGuláns, o vindeiro domingo 12 de marzo.

Un ano máis, o público participante poderá optar po calquera das dúas rutas circulares preparadas para a ocasión, unha curta de 12 quilómetros coa que a organización busca atraer a aqueles e aquelas participantes que se están iniciando nas andainas e outra máis longa, a tradicional e cronometrada de 25 km, que puntúa para o IX Open Andainas de Regularidade 25km.

A andaina sairá ás 09.00 horas para a ruta longa e ás 09.30 h para a curta dende o Centro Cultural de Guláns para discorrer polos montes e ríos da contorna e rematar cun xantar popular con callos e bebida.

Durante a presentación desta xa tradicional andaina, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, convidou “a toda a veciñanza a participar neste encontro que nos permitirá coñecer un pouco máis a parroquia de Guláns e a súa riqueza patrimonial e paisaxística gozando dun día na natureza nunha contorna incríbel”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, lembrou que se trata “dunha andaina con dificultade fácil ou media, cunha ruta curta apta para todos os públicos e perfecta para poder desfrutar en familia dun día nunha andaina que nos levará a percorrer os impresionantes penedos da parroquia”. O edil quixo tamén agradecer o traballo que realiza cada ano a Asociación Artística e Cultural de Guláns e o club Xistra, así como a colaboración imprescindíbel de moitos veciños e veciñas e a implicación dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil.

Xa quedan poucas prazas dispoñíbeis para participar. As persoas interesadas poderán inscribirse ata a vindeira semana a través da web do Clube de Montaña Xistra. A entrega de dorsais será de 08.00 a 08.45 horas e haberá avituallamento durante a proba.