Ponteareas prepárase para encher de color e diversión a vila coa I Festa Hortera  

Ponteareas prepárase para encher de color e diversión a vila coa I Festa Hortera  

 

A Casa Cultural de Areas acolle o vindeiro 16 de xullo a partir das 22.30 h un evento cargado de música e actividades para atraer á mocidade cara ás asociacións culturais

 

A festa contará con carreira de tacóns, bingo Drag, animación, premios e disfraces

 

Brillo e cor para gozar da noite máis divertida do ano. É a proposta da I Festa Hortera de Areas, que se celebrará o vindeiro sábado 16 de xullo a partir das 22.30 horas no exterior da Casa Cultural de Areas e que busca ofrecer unha xornada de lecer ao tempo que atrae á mocidade cara ás asociacións culturais. Organizada pola Casa Cultural de Areas en colaboración co Concello de Ponteareas, a festa contará con entrada de balde e prezos populares para gozar dunha xornada na que música, a animación e as actividades máis extravagantes serán as protagonistas.

 

Ponteareas prepárase para encher de color e diversión a vila coa I Festa Hortera  O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, destaca a “iniciativa e o traballo das veciñas e veciños que se implican nos colectivos para poñer en marcha actividades diferentes e divertidas ao tempo que poñen en valor o tecido asociativo e cultural que temos na nosa vila”. O edil convida a toda a veciñanza a achegarse ata a Casa Cultural de Areas e gozar dunha festa na que haberá música, animación, actividades, premios e disfraces.

 

Como salienta dende a organización Isaac Bargiela, “a premisa é que a xente veña disfrazada coas súas vestimentas máis charramangueiras. Roupa con colorido, brilli brilli, estampados raros… todo vale. Abandeira esta festa tamén a liberdade de ser como sexas, sentir como te sintas e amar a quen ames. Non é a festa do Orgullo pero estamos moi orgullosos e orgullosas de que a xente poida sentirse libre e segura esa noite”.

 

A festa, que nace con vistas de continuidade, traerá unha xornada para gozar bailando e saltando coas cancións típicas do verán de todos os tempos e participando nos diferentes xogos e actividades. Así, ás 23.30 horas dará comezo a I Carreira de Tacóns, unha divertida actividade na que a xente poderá inscribirse no propio día para percorrer os 100 metros lisos en tacóns, que deberán traer da casa. Ás 00.30 horas chega “o bingo máis canalla cos premios máis canallas”, con Drag Electra como mestra de cerimonias dunha divertida actividade para maiores de 18 anos. E dende ás 01.30 horas “ata que o corpo aguante” un DJ traerá máis animación e premios aos mellores disfraces.

 

Pódese atopar máis información da festa no seu perfil de Instagram @lahorteradeareas.