Ponteareas prepara un verán cultural con máis de medio cento de propostas

Ponteareas prepara un verán cultural con máis de medio cento de propostas

 

A programación inclúe actividades para todos os públicos e en todos os espazos

 

O Concello de Ponteareas presentou a programación cultural para os meses de verán, unha carteleira con máis de medio cento de actividades para completar unha oferta de lecer cunha proposta estable, ampla, para todos os públicos e en todos os espazos da vila.

 

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila; o concelleiro de Cultura, Fernando Groba; e o de Eventos, Miguel Bouzó, repasaron as diferentes actividades previstas no programa, coas que se busca levar a actividade cultural e festiva ás rúas sempre con todas as medidas de prevención e seguridades marcadas pola situación sanitaria. “Un ano máis deseñamos unha oferta cultural ampla e variada na que calquera grupo de idade poderá atopar actividades do seu agrado combinadas con eventos que poñan en valor a nosa cultura e o noso patrimonio artístico”, sinalou a rexedora.

 

A programación de verán desde 2021 mantén os eventos máis salientables da vila, como o Festival Internacional de Teatro de Rúa, co que a veciñanza volverá desfrutar este agosto do circo, o clown, a música, o teatro ou os monicreques polas rúas e prazas de Ponteareas.

 

Cita imprescindible será tamén o Festival Groba, un encontro xa consolidado como unha referencia no panorama musical galego e que cada edición ofrece ao público “o privilexio de gozar das composicións do mestre Rogelio Groba da man dos mellores músicos do panorama estatal e internacional”.

 

As rúas ponteareás serán tamén escenario dunha nova edición de ‘Cine na rúa’ e de ‘Noites ao vivo’, un programa que achegará unha morea de propostas culturais de diferentes estilos. Ademais, a programación cultural continúa visitando as parroquias grazas ao programa Cultura24, que tras un ano complicado por mor da pandemia cede o protagonismo ás agrupacións musicais ponteareás para promocionar a súa arte, potenciar o seu funcionamento e contribuír ao seu mantemento.

 

Rock in Río Tea visitará de novo en agosto as rúas de Ponteareas, os obradoiros para nenos e nenas encherán de vida o mercado municipal e os xogos tradicionais volverán a distintos recunchos da vila. E tamén se celebrará o Festival Internacional Danzando entre Culturas, que alcanza unha nova edición grazas ao traballo da Agrupación Folclórica Algazara.

Estas actividades están financiadas, en parte, ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.