Ponteareas prepara un Corpus 2022 accesíbel para as persoas con discapacidade visual

Ponteareas prepara un Corpus 2022 accesíbel para as persoas con discapacidade visual

 

Concello e Asociación de Alfombristas porán en marcha a ‘Beirarrúa aromática’, co que se poderá identificar cada unha das rúas cun aroma diferente

 

Membros do Grupo Social ONCE crearán por primeira vez na historia do Corpus unha peza de arte efémera na Praza Maior

 

Ponteareas quere achegar a arte efémera do seu Corpus Christi 2022 a todas as persoas, eliminando calquera barreira e convertendo esta Festa de Interese Turístico Internacional nun encontro o máis accesíbel posíbel. Neste camiño, o Corpus dá a benvida a usuarios e usuarias do Grupo Social ONCE, que por primeira vez na historia do Corpus crearán a súa propia peza na Praza Maior grazas a unha plantilla especial adaptada para que poidan elaborar unha alfombra representativa da entidade. Pero ademais, o Concello pon en marcha xunto coa Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas a ‘Beirarrúa aromática’, unha iniciativa na que os recendos das alfombras serán os protagonistas e servirán para que as persoas con discapacidade visual poidan orientarse e localizar cada un dos tramos a través do olfacto.

 

“Queremos ser unha cidade amábel para todos e todas con maiúsculas e iniciativas como as que poremos en marcha este Corpus permítennos camiñar cara a unha accesibilidade completa. Moitas grazas á ONCE e á Asociación de Alfombristas por ensinarnos que a explosión de cor coa que cada ano gozamos no Corpus pode chegar doutros xeitos ás persoas con discapacidade visual”, explicou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, durante o acto de presentación da iniciativa, que contou tamén coa presenza da directora da ONCE en Pontevedra, Marián Lorenzo, e co presidente da asociación de alfombristas ponteareá, Miguel A. García Correa.

 

Xogando cos distintos olores que caracterizan as alfombras ponteareás, esta iniciativa permitirá identificar a través do olfacto cada unha das rúas e prazas por onde pasa a xente para ver as alfombras. Eses aromas conseguiranse empregando diferentes materiais para a confección de alfombras, que estarán identificados tamén con lazos de grandes dimensións e diferentes cores para que sexa visible a persoas con diferentes graos de discapacidade visual. “Levamos anos traballando para conseguir unha maior integración en algo tan importante para nós como é o Corpus e con esta iniciativa cada persoa poderá percorrer as nosas rúas de forma autónoma, orientarse e saber en que rúa está a través dos olores”, salientou o presidente dos alfombristas, que sinalou que se trata dun proxecto “ilusionante, sinxelo pero ambicioso”.

 

Deste xeito, as persoas que gocen este ano do Corpus Christi de Ponteareas poderán identificar a Praza de Bugallal co recendo a pino, a rúa Oriente co olor a rosas, a Praza Maior co de árnica, o da rúa Ferreiros co do fiuncho, a rúa Fernández Vega co de romero ou xazmín, a Reveriano Soutullo coa lavanda ou a Avenida da Constitución co eucalipto.

 

Pola súa banda, Marián Lorenzo, quixo agradecer a Concello e Asociación de Alfombristas o interese e o esforzo por incluír iniciativas como estas na súa festa grande, que “fomentan unha inclusión sociocultural fundamental para nós”. “Ao pasear polas alfombras desfeitas o recendo a todos os materiais empregados percibímolo con tanta intensidade como esa explosión de cor. É unha sensación moi agradábel e inesquecíbel”, recalcou a directora da ONCE en Pontevedra.

 

A festa do Corpus sempre se caracterizou por aromatizar as rúas que acollen as alfombras, unha fragrancia única que foi elixida xa en 2019 polo Museo dos Aromas de Santa Cruz de la Salceda, en Burgos, para formar parte do seu catálogo de aromas e integrando o patrimonio dun museo único en España e en Europa.