Ponteareas premia as fotografías que poñen en valor o seu patrimonio natural

O Concello entregou onte os premios ás gañadoras do concurso fotográfico “Pontepenedo”

 

Ponteareas celebrou onte a gran beleza do seu patrimonio natural coa entrega de premios do concurso fotográfico “Pontepenedo”, un certame convocado por primeira vez polo Concello de Ponteareas a través da Concellaría de Lingua coa finalidade de pór en valor os elementos do patrimonio natural da vila, divulgalos e fomentar a creación artística a través da fotografía. 

 

Patricia Fernández González e á súa fotografía titulada ‘Noite máxica’ recibiu o primeiro premio, que conta cunha dotación económica de 300 euros. O segundo premio, dotado de 200 euros, foi para Analía Martínez Caride pola súa imaxe ‘Camiño que me leva a ti’, mentres que o terceiro premio, de 100 euros, foi para María José Prado Gregores pola súa fotografía titulada ‘Parte traseira do penedo’. Patricia Fernández González repite vitoria coa foto ‘Vermello’, coa que acadou o cuarto premio, dotado con 50 euros.

 

Durante a entrega de premios e despois do visionado das fotografías gañadoras, o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, salientou a gran calidade técnica e artística, a creatividade e a orixinalidade das imaxes presentadas. O edil tamén aproveitou para destacar “a fotografía e a arte en xeral como un medio para retratar o noso patrimonio natural dun xeito único”, e agradecer a todas as persoas que participaron coas súas fotografías e esforzo neste concurso.

 

Fernando Groba tamén destaca e agradece a actuación do prometedor músico ponteareán, Zeus Alfaya, e o seu profesor Serghei Maximov, durante a entrega de premios.