Ponteareas porá en marcha un Plan de Dinamización Comercial

O Goberno local presentou a proposta ás asociacións de comerciantes e hostaleiros

O Concello de Ponteareas ven de presentar o Plan de Dinamización Comercial que porá en marcha co obxectivo de revitalizar a actividade comercial e social no núcleo urbano. O plan, que correrá a cargo da consultora de empresas e áreas comerciais, Nortec, foi presentado o pasado venres polo alcalde, Xosé Represas, e os tenentes de alcalde, María Jesús Garrote, e Manuel Troncoso, aos representantes das asociacións de comerciantes e hostaleiros da vila.

“Queremos dar resposta ao retos dos cambios sociais e de hábitos de consumo actuais que sufre o pequeno comercio, agravados nos últimos anos pola crise económica.  Para iso contaremos co asesoramento e apoio de profesionais especializados na mellora e funcionamento dos espazos comerciais urbanos” afirmou o alcalde na presentación e animou a comerciantes e hostaleiros a realizar as súas achegas e a colaborar cos técnicos que realizarán o traballo nas vindeiras semanas.

“Estamos comprometidos co comercio para reverter a situación actual para o que é preciso definir as estratexias e accións concretas para mellorar a actividade comercial actual”, manifestou María Jesús Garrote, que incidiu na necesidade de reactivar o comercio para manter o emprego nun sector que considera vital para o futuro de Ponteareas.

De inmediato levarase a cabo un estudo e análise da situación actual do conxunto do comercio e a hostalaría do núcleo urbano, para mellorar a súa competitividade, co fin de crear un plan de acción para os vindeiros tres anos.

Analizarase a oferta comercial e de servizos existentes, a procedencia e hábitos de compra dos clientes, a accesibilidade, mobilidade, a contorna física das zonas e eixos comerciais máis destacados de Ponteareas así como da imaxe comercial e social, a percepción polos clientes da situación da zona comercial e a promoción e animación.

Posteriormente, e como consecuencia da análise da situación actual, o Plan de Dinamización Comercial de Ponteareas definirá as accións para os vindeiros 3 anos sobre os aspectos que inciden na competitividade comercial e sexan responsabilidade do Concello. O Plan tamén detallará as accións a realizar para a atracción comercial, promoción e fidelización de clientes.

 Os membros do Goberno explicaron que agora é o momento de definir as liñas de actuación para os vindeiros anos e financiar algúns dos proxectos cos fondos europeos que o Goberno local acaba de lograr coa Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible, recentemente aprobada. “Previsiblemente moitas das actuacións encaixarán cos obxectivos de desenvolvemento do plan Ponteareas Hábitat Saúdable”, indica o rexedor Xosé Represas.