Ponteareas ponlle freo ao Alzheimer

A concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade do Concello de Ponteareas, que dirixe Verónica Carrera, en colaboración con AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer) pon en marcha o programa “Activa-Mente”, co que ofrece apoio e reforzo as persoas con Alzheimer e as súas familias.

Grazas a esta colaboración, realízase unha dobre atención. Por unha banda, desenvólvense talleres de estimulación cognitiva e motriz, dirixidos ás persoas que sofren unha demencia ou manifestan problemas de memoria. E, doutra banda, AFAGA ofrece atención psicolóxica a familiares, asesoramento social, legal, cursos de formación e distintas terapias que axuden aos pacientes e ao seu entorno a convivir coa enfermidade e ralentizar o avance.

Para levar isto a cabo, todos os luns e mércores as/os profesionais de AFAGA achéganse a Ponteareas ás instalacións de Asprodico (situado en el Barrio Canedo) para atender aos enfermos de Alzheimer e traballar de xeito personalizado coa realización de distintos exercicios que tentar por freo a esta doenza.

Juan Carlos Rodríguez, presidente de Afaga, resalta a importancia deste acordo: “O compromiso do Concello de Ponteareas con Afaga para poñer en marcha este tipo de programas é fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas con Alzheimer da localidade e dar un respiro as familias, que tanto apoio necesitan”.

A importancia do diagnóstico precoz

Desde Afaga e o Concello de Ponteareas resaltan a importancia do diagnóstico precoz para atrasar o avance da enfermidade. Por iso, O Concello pide a colaboración dos centros sanitarios e farmacias na difusión destes talleres e insiste na importancia da prevención e detección precoz en canto se atisven os primeiros síntomas ou sospeitas.

“A prevención é fundamental e acudir ao médico de cabeceira en canto aparezan as primeiras sospeitas é decisivo porque tratar a enfermidade nos seus primeiros estadios supón porlle freo á enfermidade”, explica a nacionalista Verónica Carrera.

As familias poderán consultar co departamento de Benestar Social os servizos que se ofrecen en canto a terapias e desprazamentos.

Todos os interesados e interesadas deberán chamar ao número de teléfono 986 22 97 97 ou nos Servizos Sociais do Concello de Ponteareas na rúa Oriente.