Ponteareas perde unha subvención de máis de 30.000 euros por non executar a do ano 2014

A Xunta sanciona ao Concello negándolle a Ponteareas subvencións para caldeiras de biomasa e outras actuacións de eficiencia enerxética até 2017

O concello de Ponteareas perdeu as subvencións concedidas en 2015 polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta de Galicia ao Concello de Ponteareas para equipar con caldeiras de biomasa ao Centro Social Municipal e á Escola Infantil Municipal. As subvencións ascendían a máis de 33.200 euros.

A Xunta de Galicia publicou unha resolución na que se impón unha sanción ao Concello de Ponteareas excluíndoo das axudas correspondentes ao ano 2015 e 2016. De acordo con dita resolución, a concesión de máis de 33.000 euros do exercicio 2015 quedou sen efecto, tal e como informou a Xunta de Galicia ao Concello. O motivo da sanción é que o anterior goberno non executou as obras subvencionadas en 2014.

A axuda dese ano 2014 ascendía a 32.860 euros e tamén estaba prevista para adquirir equipamentos térmicos de biomasa e instalalos en diferentes estancias municipais. Desta maneira, sumando a perda de 2014 e a do 2015 Ponteareas perdeu axudas en forma de subvencións para a mellora enerxética por un importe superior aos 66.000 euros, ao que habería que engadir a posible subvención de 2016.

Represas lamentou que “pola mala xestión do anterior goberno, Ponteareas non poderá optar até 2017 aos proxectos de mellora enerxética da Xunta de Galicia”.