Ponteareas peonaliza o centro en sábados e festivos para garantir unha mobilidade segura

O goberno prepara outras medidas para facilitar o distanciamento social durante a crise sanitaria

O Concello de Ponteareas prepara diferentes medidas para garantir a mobilidade segura das persoas durante a crise sanitaria. Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, “Ponteareas ten unha rede peonil raquítica. O espazo público para as persoas representa o 28% fronte ao 72% que ocupan os vehículos. A maioría das beirarrúas, onde existen, son moi estreitas e non permiten cumprir as normas de distanciamento social e seguridade nos desprazamentos”.

Para adaptarse á nova situación, a concelleria de Mobilidade e Tráfico está deseñando un conxunto de medidas que se implementarán gradualmente nos vindeiros días e semanas e que buscan dar seguridade ás persoas que agora en maior número poderán sair á rúa. A primeira consistirá na peonalización do centro urbano os sábados, domingos e festivos, entre as 9:00 e as 23:00 horas, permitindo o acceso en vehículo a residentes e servizos a través de Concha Brey e Constitución. A peonalización será a mesma que se realiza con motivo da festividade do Corpus, coa salvidade de que os sábados pola mañá poderase acceder desde Braña ás inmediacións do Mercado Municipal en Fernández Vega.

Para o resto dos días o goberno estuda converter todo o centro urbano en zona limitada a 20 Km/h con prioridade na calzada para os peóns que poderán usala e atravesala en calquera lugar. Deste xeito valórase establecer o sentido único de circulación nas beirarrúas inferiores aos tres metros de anchura. Os peóns, ao ter preferencia na calzada, poderían cruzar á beirarrúa oposta en calquera punto sen necesidade de dar rodeos cambiando así o sentido de circulación ou acceder a portais ou establecementos.

Ademais Mera explicou que o goberno vai crear espazos seguros nos establecementos públicos e privados con afluencia de xente que agarda quenda no exterior. Para iso habilitaranse zonas de estancia peonil nos espazos de aparcamento.