Ponteareas pecha un verán cheo de natación coa etapa final do XVIII Circuíto Galego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas

Ponteareas pecha un verán cheo de natación coa etapa final do XVIII Circuíto Galego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas

A vila acollerá por primeira vez un campionato galego contrarreloxo por equipos mixtos

O Concello porá o broche de ouro á xornada deportiva cunha tarde festiva na Freixa con animación musical e tobogán acuático

A natación regresa esta fin de semana a Ponteareas para pechar un verán cargado de probas coas que gozar deste deporte e da contorna. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila; o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó; e o presidentes e vicepresidente do CN Ponteareas, Andrés Carrera e Alberto Aliaga, presentaron este xoves na sala multiúsos do auditorio municipal o dobre evento deportivo deste sábado 17 de setembro, no que a praia fluvial da Freixa acollerá a etapa final do XVIII Circuíto Galego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas e o primeiro campionato galego contrarreloxo por equipos mixtos.

“Dende o Concello queremos apoiar e contribuír a que esta proba sexa cada vez máis relevante e dea a coñecer unhas instalacións impresionantes nunha paraxe única como é a Freixa”, salientou a rexedora, que quixo facer un recoñecemento ao Club Natación Ponteareas e “ao fantástico traballo que hai detrás para que todas estas probas deportivas se celebren sempre con grande éxito”.

Será unha xornada que arrancará ás 10.00 horas e nas que os nadadores locais estarán pelexando polas primeiras prazas. O Circuíto Galego incluirá un percorrido de 2500 metros con dúas voltas de 1250 m cada unha con saída dende a praia da Freixa rumbo á illa de Ribadetera, e  continúa achegando á veciñanza o espectáculo da natación de competición.

Mentres, na contrarreloxo 16 equipos (dez na categoría absoluta e 6 na máster) competirán por ser o que menos tempo tarda en rematar unha volta de 1250 metros. “Esta vai ser sen dúbida unha proba diferente, na que veremos á xente axudándose en competición. Estamos convencidos de que será unha boa experiencia e de que o vindeiro ano contaremos con moitos máis equipos participantes”, explicou Carrera. En total, 140 nadadores e nadadoras disputarán estas dúas probas.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo agradecer “todo o traballo que facedes dende o CN Ponteareas, porque sodes un dos clubs que máis eventos deportivos organiza na vila. E iso é froito dun traballo constante de moita xente para converter a Ponteareas nun referente no mundo do deporte”. Durante a presentación, o vicepresidente do CN Ponteareas, Alberto Aliaga, quixo resaltar o deporte “como elemento dinamizador da economía, de encontro e de sensibilización e vertebrador da nosa sociedade”.

Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a que se achegue a vivir e desfrutar desta xornada festiva na Freixa. Tras as probas deportivas, haberá animación musical e o público poderá divertirse co tobogán acuático que se instalará na zona.