Ponteareas participa nunha recollida de lixo na praia da Freixa

Ponteareas participa nunha recollida de basuraleza na praia da Freixa

 

As concellarías de Medio Ambiente e Voluntariado colaboran coa Deputación de Pontevedra nesta iniciativa, que se desenvolverá este sábado 12 de xuño ás 10.00 h

 

A Concellaría de Medio Ambiente, dirixida por Rosa Covelo, e a de Voluntariado, por Miguel Bouzó, apoian á Deputación de Pontevedra na súa participación no proxecto Libera, unha iniciativa de SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes para loitar contra a basuraleza a través do coñecemento, a prevención e a participación. Este sábado 12 de xuño, Ponteareas acolle unha gran recollida que baixo o lema de ‘1m2 pola natureza’ procura non só eliminar lixo, senón tamén a caracterización dos residuos que se atopen.

 

O punto de recollida será a praia da Freixa ás 10 h e durará aproximadamente dúas horas. Nesta actividade poderán participar un máximo de 10 voluntarios e voluntarias, acompañadas en todo momento por un monitor. As persoas interesadas deberán encher o formulario web habilitado na páxina da Deputación de Pontevedra dentro do apartado do proxecto Libera.

 

Dende a súa posta en marcha hai tres anos, Libera mobilizou a máis de 60.000 persoas e colaborou con máis de 860 organizacións e colectivos, converténdose nun proxecto pioneiro que busca sensibilizar a todos os públicos. Pode consultarse máis información sobre esta iniciativa na propia web do proxecto.