Ponteareas participa na conferencia internacional de Cidades Solidarias co Pobo Saharaui

O concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, participa hoxe, en representación do concello, na conferencia internacional Cidades Solidarias co Pobo Saharaui que se celebra hoxe e mañá na cidade de Vigo. Á xornada de mañá asistirá o alcalde Xosé Represas.

O goberno local, con ocasión deste encontro, amosa a súa solidariedade co pobo saharaui logo de máis de corenta anos de represión e exilio, o apoio aos presos políticos nos territorios ocupados e a esixencia de celebración do referendo de autodeterminación de acordo coa legalidade internacional e as resolucións das Nacións Unidas, vulneradas de xeito reiterado polo reino de Marrocos.