Ponteareas organiza unha mesa redonda sobre o problema das hipotecas e os despexos o vindeiro xoves 9

O concelleiro de Servizos Sociais Manuel Troncoso presentará o vindeiro xoves ás 20.00 horas no auditorio Reveriano Soutullo un debate no que participarán diferentes axentes sociais implicados nesta situación de urxencia social.

Cartel definitivo Mesa Redonda

Intervirán no evento enfocado na problemática das hipotecas e os desafiuzamentos a responsable da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), Antonia Yanes, a traballadora social MªCarmen de Grado, o avogado de AV &DB Germán Alonso, a avogada de Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros de Vigo (ADICAE) Karina Fábregas, o representante da Plataforma de Afectados polas Hipotecas de Ponteareas Miguel Alonso, a representante de Ponte Solidario Vanesa Martínez, e a presidenta da Asociación de Ayuda al Desahuciado Aránzazu Rodríguez.

A Concellería de Servizos Sociais, coordinada por Manuel Troncoso, ten entre as súas preocupacións prioritarias a axuda a afectados polas hipotecas e os despexos. “Na actualidade, xa non só informamos sobre a documentación requirida, senón que facemos parte activa mediando no conflito coas entidades bancarias e financeiras, para axudar aos veciños e veciñas”, explica a responsable da OMIC, Antonia Yanes. A convocatoria deste coloquio trata de resolver as dúbidas á veciñanza e tirar conclusións entre os expertos e o público, para así entender o problema entre todas as partes implicadas.