Ponteareas organiza unha marcha ciclista solidaria de 20 quilómetros

A concellería de Deportes, xestionada por Benito Márquez, pon en marcha un percorrido que pasará polos municipios de Ponteareas e de Mondariz-Balneario e que ten como prinicipal obxectivo recadar alimentos

cartel-marcha-ciclistaO vindeiro domingo, 25 de outubro, a partir das 10:00 horas, terá lugar unha marcha ciclista solidaria organizada pola concellería de Deportes do Concello de Ponteareas e na que colabora o Club Ciclista Ponteareas, Seguros Reale e o Centro de Reparto de Alimentos da vila ponteareá.

A Praza Maior do municipio é o punto previsto para a saída e tamén a para a chegada da proba, que será sobre ás 13:25 horas e despois de percorrer un total de 20 quilómetros ao longo de diversas zonas pertencentes aos concellos de Ponteareas e de Mondariz-Balneario.

Benito Márquez, edil de Deportes, quere animar a todos os afeccionados ao deporte da bicicleta a participar nunha xornada “na que o clima parece que vai ser idóneo para a práctica do ciclismo” e na que será obrigatorio o uso de casco. Ademais, a organización ten planificadas 7 paradas ao longo de todo o percorrido.

A idea da organización é alentar aos corredores a traer consigo un quilo de comida que será recollido polo Centro de Reparto de Alimentos e que posteriormente será repartido entre aquelas persoas que máis o precisen.