Ponteareas organiza un orixinal obradoiro de iniciación ao humor gráfico en galego na biblioteca municipal

Ponteareas organiza un orixinal obradoiro de iniciación ao humor gráfico en galego na biblioteca municipal

 

Impartido por Pablo Prado, Fuco, o curso celebrarase este venres 28 de xaneiro de 18 a 20 h ao abeiro das actividades en homenaxe a Castelao

 

Ponteareas continúa esta semana coas actividades en homenaxe ao mestre Castelao. Esta semana o Concello organiza un orixinal obradoiro de iniciación ao humor gráfico galego impartido polo debuxante e deseñador afincado en Ponteareas Pablo Prado, Fuco, un curso de balde cuxo único requisito é ser maior de 11 anos e que se realizará na biblioteca municipal o vindeiro venres 28 de xaneiro de 18.00 a 20.00 horas.

 

Dende a Concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convidan a toda a veciñanza a participar neste curso co que aprender de xeito ameno a contar historias a través de imaxes e viñetas cheas de humor. O obradoiro xirará sobre humoristas gráficos galegos importantes, como Castelao ou Vidales Tomé, entre outros. “No Concello apostamos por actividades creativas demandadas pola mocidade e pola veciñanza en xeral ao tempo que afianzamos o noso apoio ao fomento da lingua galega en cada unha delas”, destaca o edil.

 

A actividade contará con prazas reducidas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse no correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.es ou no teléfono 986 660 765.

 

O obradoiro será impartido polo humorista e ilustrador gráfico Pablo Prado, gañador do premio de banda deseñada de O Garaxe Hermético con ‘Nerea e o príncipe da Sorte’, un traballo con guión de Miguel Rojo e publicado pola editorial Xerais. Prado colabora ademais dende hai anos en proxectos vinculados á loita pola igualdade como a asociación feminista FestiVal das Brétemas ou SOS Racismo Galicia; no 2019 participa na ilustración do videoclip de animación ‘Semillas’, de Tremenda Jauría; e en 2020 traballa como storyboard na serie de Netflix ‘La casa de papel’ e colabora con Fernando Llor na banda deseñada ‘O último festi’, para o Armadiña Rock de Combarro.