Ponteareas organiza un obradoiro formativo de balde para sacar partido ao Servizo Público de Emprego de Galicia

Ponteareas organiza un obradoiro formativo de balde para sacar partido ao Servizo Público de Emprego de Galicia

Os días 24 ou 25 de maio as persoas inscritas aprenderán a consultar ofertas, solicitar cursos ou pedir citas de orientación, entre outras accións

O Concello de Ponteareas pon en marcha un obradoiro formativo de balde para aprender a sacarlle partido ao Servizo Público de Emprego de Galicia. O Centro de Desenvolvemento local acolle esta semana un curso para coñecer como funciona o servizo e inscribirse e empregar todos os recursos que ofrece en liña.

“Con este curso bríndaselle á veciñanza ferramentas e habilidades necesarias para aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles de forma dixital, reducindo as barreiras, facilitando o proceso de procura de emprego e garantindo a igualdade de oportunidades para acceder a traballo de calidade ou para mellorar as perspectivas laborais das e dos ponteaeráns”, salienta a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández.

O curso vai dirixido a calquera persoa interesada e impartirase ou ben o mércores 24 de maio en horario de mañá, de 11.30 a 12.30 horas, ou o xoves 25 de maio de tarde de 17.30 a 18.30 horas. As clases terán lugar nas instalacións do Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas, en Ribadetea. As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou inscribirse xa no 986 661 050.

Vanesa Fernández anima a todas e todos os ponteareáns que o desexen “a participar neste curso e aproveitar unha oportunidade única para seguir aprendendo e dispoñer as ferramentas e coñecementos necesarios para unha busca de emprego ou de ampliación de formación activa e efectiva”.