Ponteareas ofrece un novo curso de monitor ou monitora de actividades de tempo libre con titulación homologada

Comezará o luns 3 de abril e estará subvencionado polo Concello. O prazo de inscrición está aberto ata o día 26 de marzo

Ponteareas ofrece un novo curso de monitor ou monitora de actividades de tempo libre con titulación homologadaO Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova edición do curso de monitor ou monitora de actividades de tempo libre, unha acción formativa con título homologado coa que se busca dotar ás persoas participantes das capacidades necesarias para realizar actividades socioculturais e recreativas, tanto nun contexto urbano como natural, ademais de ofrecerlles unha oportunidade máis para atopar unha futura saída laboral.

O curso, de 200 horas de duración, comezará o vindeiro luns 3 de abril e impartirase en Semana Santa, sábados e domingos de 09.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30 horas. A formación, subvencionada polo Concello, terá un custo de 160 euros e o seu pagamento poderá ser efectuado de maneira fraccionada.

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, quixo destacar o papel que xogan “cursos formativos como este que ofertamos aos nosos mozos e mozas para abrir oportunidades de emprego, así como o carácter asociativo e educativo xa que promoven a comunicación, a colaboración e a interacción entre rapaces e rapazas da nosa vila”.

O curso, enmarcado no programa Mocidade Vida do Concello de Ponteareas, terá aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 26 de marzo. Todas aquelas persoas interesadas poden informarse ou reservar praza a través do correo electrónico mocidadeviva@ponteareas.gal ou do teléfono 687 764 516.