Ponteareas ofrece axuda na tramitación de subvencións

A Axente de Emprego e Desenvolvemento Local estase a ocupar de facilitar canta información precisen os nosos veciños e veciñas

Este último mes téñense publicado distintas subvencións por parte das Administracións Públicas, co obxectivo de facilitar diferentes actuacións aos veciños e veciñas.

Dende a concellería de Emprego e Formación, que dirixe a socialista Vanesa Fernández, estase a prestar axuda a todos os veciños e veciñas que queren informarse ou saber como tramitar estas subvencións. As últimas subvencións que teñen saído son para proxectos de mellora enerxética dirixido a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas, subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora, así como para o mantemento do autoemprego para as persoas emigrantes retornadas. Tamén destacan as medidas complementarias de apoio a empresas e persoas autónomas pola pandemia da COVID-19, pola que se aproba un procedemento excepcional e temporal durante os exercicios 2021 e 2022 para a concesión de aprazamentos e/ou fraccionamentos do pago de débedas derivadas do reintegro e/ou reembolso de axudas ou de préstamos concedidos pola Administración Xeral do Estado.

Sen dúbida algunha, afirma Vanesa Fernández, “a subvención que está a despertar máis interese na cidadanía é o Programa Renove de electrodomésticos”, que subvenciona a adquisición de frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavaplatos e encimeiras de indución total. O importe da subvención pode chegar ao 25% do prezo do electrodoméstico, 50% ou 75%, dependendo do tipo de consumidor. Como esta subvención esixe a presentación por medios electrónicos, dende a concellería que dirixe Vanesa Fernández estanse a poñer todas as facilidades necesarias para poder optar a esta subvención. “Calquera veciño ou veciña interesada pode poñerse en contacto coa Axente de Emprego e Desenvolvemento Local que lle resolverá cantas dúbidas teña”, afirma a concelleira socialista.