Ponteareas no Tempo recupera a historia da veciñanza

A Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas, que dirixe Hortensia Bautista, presenta o vindeiro xoves día 14 de xuño, ás 20:00 h no Salón de Plenos da Casa do Concello, o proxecto “Ponteareas no Tempo”, un proxecto que pretende recuperar a historia do noso concello a través das fotografías que están nos caixóns das casas das veciñas e veciños de Ponteareas e as historias que as nosas xentes saben sobre as mesmas.

A intención do Concello é deixar un legado ás xeracións futuras, polo que este non é un proxeto para uns meses ou para un ano, senón un proxeto colectivo para que perdure no tempo,  de feito “somos conscientes de que cada día que pasa se perde unha historia, polo que queremos contar coa colaboración de cada familia, cada barrio, cada parroquia e cada colectivo ou  entidades que axuden a recuperar a nosa historia e contala aos máis novos. Cada un de nós coñece unha historia que ninguén mais sabe, por iso todos somos importantes”.

A concelleira convida a todas aquelas persoas que queiran coñecer máis e participar neste proxeto que se acheguen o vindeiro xoves ás 20,00 h. ao salón de plenos do Concello, onde se presentará publicamente esta iniciativa.

Para calquera información que precisen deben porse en contacto co departamento de cultura a través do enderezo electrónico departamentocultura@ponteareas.es ou no teléfono 672105472.