Ponteareas no Tempo recupera a historia da veciñanza

A Concellaría de Cultura de Ponteareas ven de presentar Ponteareas no Tempo“, un proxecto de recuperación da historia fotográfica da vila de xeito colectivo, co que se pretende que sexan as xentes de Ponteareas as que axuden a recuperar eses recordos en forma de imaxe que se atopan nos caixóns das súas casas, e os recordos en forma de historias que se atopan nas cabezas de cada un, por iso queremos non so recuperar as imaxes, se non recuperar as historias. Para conseguilo dixitalizaremos as fotografías antigas de Ponteareas que persoas e particulares nos queiran achegar. Por este motivo se inician a campaña de difusión e dixitalización nas parroquias do concello, comezando esta labor mañá martes 26 de xuño na Casa Cultural de Pías e o xoves 28 no Centro Cultural de Guillade ás 20:00. Nas vindeiras semanas as visitas extenderanse  a máis parroquias.  

O material dixitalizado estará accesible na plataforma online onde ademais da difusión das imaxes e as súas historias, tamén se poden achegar imaxes dixitalizadas usando internet de xeito particular, desde as casas de Ponteareas ou de calquera persoa de Ponteareas polo mundo, empregando a web www.ponteareasnotempo.gal. Tamén recordamos que existe un punto de dixitalización na Biblioteca Municipal en horario de mañá (9:00-14:00h)

Este proxecto desenvolverase durante os primeiros meses, pero ten unha vocación de converterse no espazo de recollida da historia colectiva do noso concello para xeracións futuras, por iso chamamos á colaboración de todas as persoas que queira achegar as súas imaxes e contar as súas historias.