Ponteareas logra unha axuda de 20.000€ para redactar o Plan de Accesibilidade e Mobilidade

O goberno de Ponteareas da un paso máis na mellora do futuro de Ponteareas ao lograr unha axuda de 20.000€ da Deputación de Pontevedra para redactar o Plan de Accesibilidade e Mobilidade Sustentable. 

Para lograr esta axuda, o goberno presidido por Xosé Represas, acolleuse ás bases de axudas convocadas pola institución provincial para esta finalidade por parte do departamento de mobilidade que dirixe o nacionalista, Uxío Benitez.

Esta subvención impulsa a planificación estratéxica de Ponteareas que, por vez primeira, medrará de xeito organizado e sostible grazas a un plan no que se contemplará o acceso universal das persoas aos servizos e equipacións da súa cidade. 

O plan de mobilidade sustentable de Ponteareas será unha ferramenta na que se preverán as necesidades sobre a rede de estradas e espazos públicos optimizando os recursos municipais realizando previamente un diagnóstico da mobilidade urbana. 

Ademais, este plan de mobilidade abrirá as portas para acadar novos fondos europeos de mobilidade sustentable e fixará as actuacións para mellorar o transporte público coas parroquias.

En definitiva, o plan de accesibilidade e mobilidade marcará as propostas concretas de actuación para os vindeiros anos nos espazos públicos, edificios municipais e nas vías de comunicación para mellorar a súa calidade e priorizar ás persoas

Logo do estudo de mobilidade presentado hai un ano á veciñanza, Ponteareas materializará as necesidades detectadas nun documento que trazará liñas organizadas de crecemento e deseño da mobilidade no centro urbano priorizando as actuacións para a reducción das emisións de carbono e a mellora dos percorridos peonis en toda a vila.

Este plan enmárcase na estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” que entre os seus obxectivos pretende mellorar a accesibilidade e mobilidade así como as comunicacións de transporte público e a interrelación entre o centro urbano e as parroquias.