Ponteareas licita unha nova humanización dunha rúa tras lograr 60.000 euros da Unión Europea

Ponteareas licita unha nova humanización dunha rúa tras lograr 60.000 euros da Unión Europea

As obras na rúa Forno Telleiro, a carón do Parque Ferro Ucha, supoñen un novo itinerario do camiño escolar seguro

O Concello de Ponteareas continua obtendo fondos económicos doutras administracións para executar os numerosos proxectos redactados nos últimos anos. Desta volta, o Concello conseguiu unha subvención de 60.000 financiada polo Ministerio de Sanidade, co apoio da FEMP, con cargo a fondos da Unión Europea, a través do instrumento Next Generation EU,  no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) para financiar ao 100% o custo de humanización da rúa Forno Telleiro, situada a carón do Parque Ferro Ucha e que une a rúa Trobador Xoán García coa rúa Nardos.

O Goberno municipal licitou nos pasados días esta obra e as empresas interesadas en presentar as súas ofertas poderán facelo até o día 13 de febreiro.

A actuación consiste en recuperar o que até agora é un camiño asfaltado e sen beirarrúas, para transformalo nunha vía peonil unida ao Parque Ferro Ucha e convertelo nunha nova variante do camiño escolar cuxas obras se están executando na rúa Trobador, facilitando así a mobilidade do alumnado que se dirixe cara os IES Val do Tea e Pedra de Auga. Ademais, esta humanización permitirá unir o paseo peonil ao parque retirando o seu peche actual, realzando así as condicións do parque público no seu perímetro e mellorando a accesibilidade. As obras inclúen o pavimentado en plataforma única de todo o vieiro, iluminación e aparcabicis.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que “esta actuación demostra unha vez máis a capacidade do goberno municipal para xestionar e lograr recursos económicos doutras administracións como a Unión Europea que avala e apoia os nosos proxectos financiándoos ao 100%”. Cristina Fernández lembrou que “esta humanización súmase a un total de nove realizadas neste mandato” en referencia á Praza de Bugallal, rúa Redondela, Praza Dr. Fernández Vega, Rúa San Roque, Complexo Deportivo Álvaro Pino e Centro de Saúde, o segundo tramo do Paseo Matutino, a rúa Trobador Xoán García, boa parte da rúa Nardos e a rúa Curuxeira cuxas obras comezarán en breve. “Nunca se fixo tanto en tan pouco tempo na nosa vila”, concluíu a alcaldesa.