Ponteareas leva o seu Corpus á porta de Vigo

Ponteareas leva o seu corpus á porta de Vigo

Concello e alfombristas expoñen en Vialia a mostra fotográfica ‘O Corpus no tempo’, que se completou coa creación dunha alfombra floral

Ponteareas prepárase para celebrar un ano máis o seu Corpus Christi levando a súa festa grande máis alá da vila. Por segundo ano consecutivo, Concello e Asociación de Alfombristas de Ponteareas comezaron unha campaña de promoción para achegar esta festa de Interese Turístico Internacional a Vigo cunha completa exposición no centro comercial Vialia na que a fotografía e a arte efémera camiñan da man. 

“Queremos que o público que aínda non coñeza Ponteareas e o Corpus descubra todo o que podemos ofrecer. Agardamos que esta mostra sirva de aliciente para que todo o mundo se anime a compartir con nós estes días de traballo, goce e arrecendo a flores que todos os veciños e veciñas vivimos con intensidade”, explicou a concelleira de Turismo e Promoción económica, Eva Gil.

A edil achegouse ata o centro comercial vigués para desfrutar da alfombra floral confeccionada baixo o título ‘Vialia, a porta de Vigo’, unha peza de arte efémero situada preto da entrada principal das instalacións para visibilizala ante a maior parte de público posíbel. Como ven sendo habitual, as e os alfombristas empregaron materiais secos, buganvílea, tuia verde e outros materiais florais cos que cada ano confeccionan as alfombras que atraen a milleiros de visitantes ás rúas de Ponteareas. Alfombra e exposición estarán en Vialia ata pasada a celebración do Corpus, o vindeiro 11 de xuño.

A exposición complétase coa mostra ‘O Corpus no tempo’, que recolle 20 fotografías das alfombras realizadas en varios tramos en diferentes anos e distintas épocas. Recóllense así novas imaxes das decoracións florais que encheron as rúas ponteareás no día de Corpus Christi a través do tempo, unha tradición que foi imitada por outras localidades ao longo dos anos.

O Concello quere expresar o seu máis sincero agradecemento á Asociación de Alfombristas de Ponteareas “polo seu encomiábel labor na promoción e preservación da nosa arte efémera e pola dedicación incansábel por levar a creatividade, fermosura e tradición das nosas alfombras por todos os recunchos”.