Ponteareas inviste 30.000 euros en obras de mellora dos parques infantís

DSC00266O Concello de Ponteareas está a levar a cabo obras dentro do Plan de mellora dos parques infantís de Ponteares, tanto na vila como nas parroquias. Así, no centro urbano, as reformas afectarán ao Parque da Perillana, As Pombas, Ponteareas Cidade, As Monxas, Parque de Mota, así como os situados na parte superior do Auditorio Reveriano Soutullo e Conservatorio de Música do mesmo nome, e igualmente nos parques infantís das parroquias. As obras de mellora destas instalcións e espazos recreativos están contemplados dentro do Plan de mellora dos parques infantís de Ponteareas, redactado plos servizos técnicos municipais, e terán un investimento de máis de 30.000 euros que será sufragado integramente polo Concello de Ponteareas.

Estas accións de mellora complementan as xa levadas a cabo durante todo o ano e consistirán en labores de mantemento, como pintado de aparatos de ximnasia, limpeza e reposición de elementos como columpios, papeleiras, vernizado de bancos, pintura de bambáns e dos seus elementos deteriorados, así como o pintado dos farois dos citados parques. Nas zonas de bambáns procederase á reposición do pavimento amortiguador de caucho, así como á limpeza das instalacións dos xogos infantís e á reparación dos valados de pechamento destas zonas recreativas.

Ademais destes traballos de mellora, no caso do Parque das Pombas acometerase a limpeza dos edificios municipais de Bombeiros e Policía Local, procedendo á limpeza das súas fachadas con chorros de auga a presión e pintado das mesmas, actuacións que completarán a mellora de todo o contorno do Parque das Pombas.