Ponteareas investiu máis de 11,3 millóns de euros en 25 intervencións cofinanciadas con fondos europeos

Ponteareas, un exemplo de como recuperar o espazo público para as persoas nos ‘Obradoiros Ágora’

A través de EDUSI e IDAE ao longo de 2022 o Concello executou actuacións para a redución de emisións de CO2, recuperación de espazos para as persoas e servizos de maior calidade

Ponteareas continúa adiante coa súa estratexia europea para transformar a vila nun espazo máis sostíbel, reducindo as emisións de CO2, recuperando espazos para as persoas e dotando á veciñanza de servizos de maior calidade. Ao longo do ano 2022, o Concello investiu máis de 11,3 millóns de euros en 25 intervencións cofinanciadas con fondos europeos FEDER tanto a través da EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ como do IDAE, do Ministerio para la Transición Ecológica.

Entre as iniciativas postas en marcha durante o ano pasado, atópanse 14 proxectos nados ao abeiro da EDUSI e nos que se investiron 5,6 millóns de euros. Entre eles atópanse as obras de mellora da eficiencia enerxética do Centro de Día de Ponteareas, o proxecto de transformación da nave de Aceros del Tea nun espazo que devolva o protagonismo á veciñanza ou a ampliación da rede de calor para levar enerxía renovábel a novos edificios públicos, xerando aforro enerxético, “unha rede pioneira que permite camiñar a Ponteareas cara a sustentabilidade non só como unha ferramenta para o aforro económico, senón tamén para diminuír as emisións da vila á atmosfera”, como salienta a alcaldesa, Cristina Fernández.

Entre as accións postas en marcha cofinanciados con fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ tamén se atopa a transformación dun edificio da Praza Maior en Centro de Dinamización Empresarial para a revitalización da economía social da vila, a piques de rematar, e a rehabilitación do futuro Centro Cívico, un espazo co que se porá a disposición de tecido asociativo e veciñanza máis de 900 metros cadrados para servizos municipais e actividades sociais.

Pola súa banda, grazas ás actuacións cofinanciadas ao abeiro do IDAE Ponteareas renovou as instalacións do alumeado público exterior municipal, unha iniciativa que permitiu á vila “adiantarse ás tendencias futuras en iluminación viaria que xa se están empezando a esixir e que inciden de forma directa no aforro enerxético e económico e no confort da veciñanza”, explica a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote.

A mellora da eficiencia enerxética na Casa do Concello, da antiga escola unitaria e casa do mestre en Guillade ou do centro municipal de Canedo; a recuperación da Casa Cultural de Couso ou a mellora das estacións depuradoras de augas residuais de Prado, Padróns e A Freixa son algunhas das 11 actuacións executadas o pasado ano ao abeiro do IDAE cun investimento de 5,7 millóns de euros.

O Concello de Ponteareas avanza de forma áxil na xustificación de todos estes proxectos e xa xerou o dereito a recibir o 80% dos case 9 millóns de euros das facturas pagadas, 3,8 millóns cofinanciados a través da EDUSI e case 4,9 millóns do IDAE. Este pago da execución destes proxectos á espera de recibir os fondos europeos fixo que Ponteareas pechara o ano 2022 cun remanente de tesourería negativo de 1,4 millóns de euros, pero cun período medio de pago de 20,83 días, unha cifra por debaixo dos 30 días de prazo máximo establecido pola normativa que ratifica a celeridade coa que o Concello paga a provedores.