Ponteareas intégrase no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Aportará  ao ano 1.734 euros para proxectos de cooperación e actos de sensibilización por toda Galicia

Ponteareas formaliza o seu ingreso no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha rede na que se integran máis de 80 municipios e dúas deputacións que concentran os seus esforzos en prol da cooperación internacional. Tanto o alcalde Xosé Represas como o concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso,vdestacaron que esta adhesión enmárcase nas actuacións municipais que teñen como denominador común a igualdade e a solidariedade.

IMG_1079

En base a súa poboación, Ponteareas vai achegar ao ano una cota anual de 1.734 euros, que serán investidos tanto en accións de cooperación internacional como en actividades de sensibilización en Galicia. A adhesión acordouse no pleno de outubro e a ela sumaranse outras accións xa sexan por iniciativa do Goberno como o en colaboración con outras entidades.

Represas apunta que “o Concello volve a sumarse a este tipo de iniciativas”, e engade que “a aposta polas políticas sociais que demostra o Goberno municipal amplíase coa nosa integración no Fondo Galego de Cooperación”.

Os concellos que se integran nesta entidade teñen acceso a actividades como contacontos, exposicións ou concertos, que serven para promover a defensa dos dereitos humanos. No referente ás accións nos países do Sur, o Fondo Galego está apoiando un proxecto a favor da saúde infantil e materna en Mozambique ou a reconstrución dun centro sanitario danado polas inundacións do outono pasado nos campamentos saharauís, entre outras iniciativas.