A semana pasada tivo lugar na Biblioteca Municipal unha charla informativa dos mestres composteiros Manuel Gómez e David Alves, organizada dentro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, da que o Concello forma parte.
O punto de compostaxe comunitario consistirá en 6 contedores con 1 metro cúbico de capacidade cada un, instalado na Perillana, a carón da Biblioteca Municipal. Nos vindeiros días, a contorna dos Xulgados tamén terá este equipamento. A idea do Goberno local é instalar máis composteiros comunitarios no núcleo urbano para tentar reutilizar a maior cantidade de materia orgánica posible, así como difundir os beneficios da compostaxe individual. Os mestres composteiros realizarán labores todas as semanas de control do proceso así como analíticas para valorar a calidade e posibles usos do fertilizante natural resultante.
“Con este plan téntase evitar que a materia orgánica sexa incinerada. Este sistema ademais de xerar problemas coa emisión de gases, representa unha malversación de recursos, e un maior gasto por mor do transporte a máis de 100 km.”, explica o alcalde Xosé Represas, responsable da área de Medio Ambiente.
A compostaxe é un proceso de transformación da materia orgánica para obter compost, un fertilizante natural. Esta transformación lévase a cabo en calquera casa ou zona comunitaria mediante un composteiro, sen ningún tipo de mecanismo, motor nin gasto de mantemento. Non esixe máis que a implicación e, en tempo, uns dez minutos á semana. O lixo diario que se xera nos fogares contén un 40-50 % de materia orgánica, que pode ser reciclada e retornada á terra en forma de humus para as plantas e cultivos. De cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense 20-25 quilos de compost.
Todos aquelas cidadás e cidadáns que estean interesados neste programa piloto de compostaxe comunitario poden achegarse ás oficinas municipais para acadar máis información. Se desexaren participar deberán asinar un compromiso.