Ponteareas instala a iluminación de Nadal para contribuír á actividade comercial na vila

Este apoio ao comercio local representa un 5% do investimento total en axudas do Concello

As rúas do centro urbano e as parroquias de Ponteareas acollen nestes días a instalación da iluminación de Nadal co apoio da Deputación de Pontevedra. Un cento de arcos e outros tantos elementos de iluminación empregados na montaxe adobiarán as rúas de Ponteareas no vindeiro mes de decembro. Todos os motivos son fabricados con estrutura de aluminio e díodos LED.

A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, indicou que o obxectivo desta instalación é “potenciar e contribuír á actividade económica en Ponteareas, nunha campaña comercial de Nadal que será a máis atípica dos últimos anos”

Ademais, Eva Gil adiantou que “se a situación sanitaria o permite, as actividades paralelas para a dinamización comercial realizaranse con animacións itinerantes de rúa a cargo de agrupacións locais, evitando aglomeracións e creando un ambiente agradable durante as semanas previas ao Nadal para animar á poboación a realizar as súas compras na nosa vila”

Dende o goberno local sinalan que “nun ano de grande incerteza con motivo da COVID-19, centramos os nosos esforzos en apoiar a todos os sectores afectados pola crise sanitaria. Deste xeito, ás medida de apoio ao comercio e hostalaría como un dos sectores con máis peso económico da localidade, súmase ao apoio económico a persoas autónomas e empresas, clubs deportivos ou entidades culturais, veciñais e sociais, así como axudas de emerxencia social.”

Sumamos máis dun millón de euros en diversas axudas durante este ano. A instalación da iluminación de Nadal representa menos do 5% do investimento total, e repercutirá positivamente na dinamización da actividade comercial”, indican dende o goberno.