Ponteareas insta á Xunta de Galicia a non pechar a escola infantil de San Mateo

A proposta da concellería de Ensino, Cristina Fernández, para evitar o peche da escola infantil (etapa 3-5 anos) en San Mateo, por parte da Xunta de Galicia, así como a reducción dunha unidade de infantil no CEIP de Santiago de Oliveira contou co respaldo de toda a Corporación . Fernández lembrou o valor e a importancia que ten para o medio rural manter as escolas infantís no rural na etapa de 3 a 6 anos.

O goberno de Ponteareas sacou adiante no pleno ordinario celebrado onte a súa proposta de realización de obras de ampliación da rede de abastecemento, saneamento, ampliación de viais e centros Culturais por valor total de 940.654,01€ que serán repartidos nas anualidades de 2018 e 2019, executando 493.764,76€ no 2018 e 446.889,25€ no 2019 con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. 

Estas propostas do goberno local, non foron apoiadas polo PP que se abstivo na votación dos 6 proxectos aprobados polo Pleno. Eu e ACIP votaron a favor en cinco das obras, agás a actuación de reurbanización de San Roque, primeiro tramo, que votaron en contra xunto co concelleiro do PP, Domingos Freitas. Estas obras permitirán ampliar a rede de abastecemento en varios núcleos rurais de  Ponteareas, mellorar o vial público en Duca Santiago de Oliveira, saneameto e mellora integral do Alto da Gloria-Fontenla, reurbanizar un tramo da rúa San Roque, o saneamento de Augas fecais no bario de Picón, Angoares, e Amial en Prado e acondicionamento do centro cultural de Guillade.

Préstamo sen intereses do Fondo de Cooperación para recuperar o Camping da Freixa

Outro dos puntos da orde do día que o goberno logrou sacar adiante foi a solicitude ao Fondo de Cooperación da Xunta de Galicia para financiar, sen intereses, as actuacións de rehabilitación e recuperación do camping de A Freixa por un importe total de 73.892,12 euros, importe que o Concello devolverá en oito anos a razón de 9.236,51 euros cada ano.

Grazas ao saneamento da economía, despois de pagar case 10 millóns de euros de débedas, sentenzas xudiciais e xuros, Ponteareas está agora en disposición de poder solicitar estas operacións ventaxosas de préstamos sen ningún custe para as arcas municipais. O PP e ACIP volveron a posicionarse en contra desta proposta do goberno e saíu adiante con once votos a favor do BNG, PSOE e grupo mixto (A Riada do Tea e EU)

 “Pór a disposición de toda a veciñanza os terreos e as instalacións da Freixa é un dos nosos obxectivos para que canto antes todos e todas poidan gozar de toda esta infraestrutura á beira do Tea. Trátase dun apoio financieiro sen ningún custe a devolver en oito anos e sendo posible amortizacións anticipadas parciais ou totais sen custe algún”, explica o alcalde, Xosé Represas.