Ponteareas inicia a recuperación da xestión dos terreos do cámping da Freixa

O goberno local de Ponteareas inicia o expediente de recuperación da propiedade e da xestión do terrenos do cámping da Freixa tras máis de cincuenta anos en mans dun particular.

Aínda que, segundo as indagacións realizadas, os terreos do cámping da Freixa sempre foron titularidade do concello de Ponteareas dende o 8 de xullo do ano 1965 pasaron a man de R.R.G a través dunha subasta de arrendo por vintecinco anos por valor de 4.690 pesetas de renda anual.

A oficina técnica municipal, dependente da Concelleira Chus Garrote, realizou un minucioso traballo de identificación de tódalas parcelas da zona en canto a titularidade de todos os terreos da urbanización e cámping da Freixa.

Un total de 12.000 metros cadrados que ao ano seguinte, no 1966, foron ampliados sumándolle un terreo colindante de 4.990 metros cadrados máis que nun principio, e segundo se recolle no expediente, ían destinados á ampliación dun parque infantil, á creación dunha zona de caravanas, unha zona de aparcamento para dez coches, unha pista polideportiva e unha piscina, obras orzamentadas naquel entonces en 298.000 pesetas.

Este novo arrendo de 4.990 metros cadrados máis foi tasado por un perito agrícola por valor de 2.125 pesetas de renda anual.

“Ao goberno actual non lle consta ningún ingreso por arrendamento nos últimos anos que, en todo caso, remataría no ano 1991, nin que no anterior goberno de González Solla se teña feito ningún trámite por recuperar a xestión deses terreos e do cámping ou regularizar a situación, segundo consta no expediente de investigación sobre a

titularidade do camping aberto xa o pasado ano”, explica o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

Nestes aos houbo unha ocupación desta parcela municipal sin que o concello recibes nada a cambio.

Segundo a certificación do Rexistro da Propiedade e na última inscrición de xullo do ano 78 o camping é de titularidade municipal. Xa con antelación á urbanización da Freixa, o conxunto das parcelas figura no inventario de terreos municipais do ano 1958.

Dadas as diferenzas de metros que se atopan nos documentos do catastro, do rexistro e do arquivo municipal, o goberno de Ponteareas iniciará un expediente de deslinde e acometerá medicións para fixar o tamaño real e os lindes donde haia dúbidas.

Unha vez solventadas estas cuestión, o Concello de Ponteareas desenvolverá un plan de actuacións na zona que contemple tamén o camping da Freixa e a posibilidade dunha zona destinada a autocaravanas dada a alta demanda deste tipo de servizos na zona.