Ponteareas incrementa nun 35% a colaboración coas comparsas de Entroido

O prazo de inscrición estará aberto ata o 27 de febreiro

 

O concello de Ponteareas abriu o prazo para a participación no desfile de comparsas do Entroido 2019. As asociacións e colectivos interesados en participar terán que presentar por Rexistro de entrada e no modelo dispoñible no Departamento de Cultura ou na páxina web ponteareas.gal a súa solicitude antes das 14 horas do 27 de febreiro.

Tal como establecen as bases, publicadas no apartado de Cultura da web municipal, cada comparsa deberá contar cun mínimo de 25 membros para poder optar ás mencións e gratificacións en concepto de participación. Establécese un límite máximo de 15 comparsas, que desfilarán o domingo, o martes de Entroido e o mércores no enterro da sardiña.

Na presentación do cartel, deseñado polo ponteareán Pablo Prado “Fuco”, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, destacaron o incremento dun 35% na colaboración coas comparsas, alcanzando un importe máximo de 12.000€. O importe da axuda a cada comparsa dependerá do seu número de participantes.

“Tras mellorar a situación económica do concello, estamos en condicións de aumentar a colaboración económica coas comparsas, xa que elas son as protagonistas do Entroido ponteareán”, sinalou a edil de Cultura.  O alcalde, Xosé Represas, amosouse satisfeito de que cada ano aumente en número de participantes, e puxo en valor “o traballo que durante meses levan a cabo as persoas que forman parte das comparsas para unha celebración que enche de vida e cor as nosas rúas, contribuíndo a dinamizar o comercio local e a hostalería”.