Ponteareas incorpórase á VI Semana Cultural de Convergências Portugal-Galiza

Esta iniciativa que se desenvolve en Santiago, Padrón, Braga e Ponteareas ofrece un amplo programa de actividades culturais

Ponteareas foi un dos poucos concellos seleccionados para participar na VI Semana Cultural de Convergências Portugal-Galiza que homenaxeará a Rosalía de Castro e a Zeca Afonso do 23 de febreiro ao 1 de marzo cun amplo programa de actividades culturais que se desenvolverán en Santiago, Padrón, Ponteareas e Braga e que fornecerá os vínculos culturais dos dous lados da raia.
O concelleiro de Cultura e tamén concelleiro de Lingua, Fernando Groba, participou onte na presentación desta sexta edición na cidade portuguesa de Braga, Capital Europea da Cultura 2020.
Unha das novidades deste ano é a duración da programación, que se estende ao longo dun mes, e a incorporación do noso concello a esta iniciativa. A programación çomprenderá a celebración de concertos, ciclos de cine, coloquios, teatro e presentacións literarias e xa comezou o pasado día 8 en Braga, onde dentro do marco de Convergências teñen lugar as actuacións de Amancio Prada e Uxía, o grupo de baile Tequexetéldere e a Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada.
A última fin de semana de febreiro esta iniciativa recala en Ponteareas e Santiago de Compostela. Así na nosa vila o venres de febreiro ás 21:30 horas terá lugar o concerto Fado Converxente no auditorio municipal con Artur Caldeira á guitarra portuguesa e Daniel Paredes á viola de fado acompañados das fadistas Ana Lains de Lisboa e Iria Esteves do proxecto musical Clave de Fado e coas colaboracións especiais de Catarina Araujo e Miguel Oliveira. O sábado día 29 ás 20 horas concerto da Orquestra de Sopros do conservatorio de Ponteareas e do grupo Canto D’Aqui de Braga. Pola súa banda en Santiago o venres na Casa das Crechas terá lugar o concerto de Sérgio Mirra: Trio. No Teatro Principal da capital galega o trío compartirá escenario co Grupo Poesis o sábado 29.
O 1 de marzo será a Casa Museo de Rosalía a que acollerá o acto de peche do evento que reunirá tres actuacións musicais.
Esta iniciativa, na que colaboran a Xunta de Galicia, desde o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, a formación bracarense Canto D’Aqui, os concellos de Santiago, Padrón e Ponteareas e a Fundación Rosalía de Castro, enmárcase nas accións de desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.