O pasado 19 de decembro inaugurouse na sala multiusos do Museo Municipal de Ponteareas e estará aberta ao público de balde até o 27 de xaneiro
Inclúense nesta exposición, entre outras, unha serie de fotos do Entroido tradicional galego no ritual da “queima do Meco” polo convencemento de que esta festa ten a súa orixe nas festas relixiosas solsticiais que celebrábanse na Europa antiga. Tamén inclúe o uso do lume en rituais coincidentes con festividades relixiosas e pagás ao longo do ano por toda a xeografía galega. Como elemento común a esta selección de fotos temos a plasticidade e beleza do lume, e tamén a discreta ledicia dos portadores da chama.
A concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, salienta que “esta exposición constitúe un magnífico traballo do profesor Monteagudo, tanto na plasticidade e recreación do escenas como na transmisión do coñecemento sobre os diferentes rituais que teñen o fogo como expresión e denominador común no noso país”.
Demetrio Monteagudo González naceu en Vigo no ano 1952. A afección á fotografía espertoulle no ano 1973. Dende esta data mantén coa fotografía una relación autodidacta, intermitente e bipolar que se pode permitir pola súa condición de afeccionado.
O seu obxectivo son case sempre temas de antropoloxía social como as festas, tradicións relixiosas ou traballos tradicionais. Neste senso, nunca sentiu atracción pola fotografía de estudo.
Ten obra publicada na Gran Enciclopedia Galega, na revista Río (2000 – 2004) e colabora en publicidade empresarial. Mostrou a súa obra en varias exposicións, entre outras: No centro Goianés (Goián 1984), na Asociación Cultural Eliseo Alonso (Tomiño). No ano 2014 presentou no Museo Etnolóxico de Ribadavia a mostra “Detrás da máscara” centrada no Entroido. No 2016, estivo neste mesmo museo coa obra que agora presenta en Ponteareas.